Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Literatura en tempos de miseria

Polo ano 1946 leváronme a un cine de Ourense cuxo nome, moi impresionante, era o o de Coliseo Xesteira. Nos intermedios, o salón deleitábanos cun fascinante xogo de luces e son. Asistín á proxección da película que, dirixida por Victor Fleming se distribuiu en España co título de El Mago de Oz.

Ao tempo que me enlevaba, o argumento sumiume nunha sorte de frustración presidida polo desengano. Non había meigo coma non había Oz; non había seres fantásticos nin cidade Esmeralda. O filme coido que influiu, ao longo de moitos anos, na estratexia narrativa de moitos dos meus modestos contos literarios.

Con ocasión do Día Internacional do Libro Infantil, botei a vista atrás e comprobei que o cine condicionou radicalmente a miña maneira de ver a realidade, inclusive a realidade de ficción. Seguro que algo semellante lle ocorriu a outros lectores contemporáneos meus. Para nós, a lectura de relatos en forma de libro tivo un temíbel competidor no relato cinematográfico. Aínda máis, para moitos de nós o comic, ou chiste, ou tebeo, ou banda deseñada, foi un medio gráfico e literario no cal fumos constituíndonos desde nenos visual e imaxinativamente.

Lembro os derradeiros anos da miña nenez co Capitán Marvel, ou Maravillas, entrando ao berro de “Shazam!” na miña vida para, deseguida ser aniquilado para sempre por un Superman invencíbel que procedía do espacio exterior. Recordamos con precisión a revista Gran Chicos coas tiras norteamericanas coma tal de Alex Raymond e mensaxe ético-crítica do seu director, Olavide.

Díxose que a censura franquista, so influencia xesuítica, fechara o Gran Chicos debido ao seu liberalismo cosmopolita, á súa carencia de “espíritu nacional” e ao laicismo que transmitía aquel caderno que tanto contribuiu a construirnos como lectores e frecuentadores de intrigas. Daquela, perdoabámoslle á Editorial Valenciana o pésimo deseño de Roberto Álcazar e Pedrín pero fomos moitos os que detestamos a figura esquemática do Guerrero del Antifaz que era emanación pura das esencias nacionalcatólicas dominantes.

Se non lembro mal, tamén para os que coñeciamos, alén do quiosco, o fume das lareiras foi importante o labio dos contos en estado puro de tradición oral. Por suposto, liamos libros: todos en castelán naquela Galicia dominada. Pero algunhas coleccións de literatura infantil e xuvenil, brillantes e formativas, dábannos a súa luz. Este foi o caso das edicións de variados relatos que nos ofrecían Saturnino Calleja e Araluce en tempos mesterosos.

Compartir el artículo

stats