Dubidar non está ben visto. A sociedade premia a quen actúa de xeito rápido e competitivo fronte aos que tentan facer análises pausados. As dinámicas do libre mercado non toleran conductas improdutivas en termos económicos. E dubidar e pensar forman partes desas actitudes. Só así se entende que cada vez máis xente prefira abrazar mentiras consistentes a verdades complexas.

Os grandes bancos españois veñen de repartir dividendos millonarios entre os seus accionistas, a pesar da petición do Banco Central Europeo de non facelo. As compañías eléctricas aumentaron os seus beneficios durante o 2020 un 36%. E a volta a normalidade depende do puñado de farmacéuticas que son capaces de fabricar a vacina e cuxa facturación prevé aumentar en torno a un 50%. Johnson & Johnson, de feito, batera un récord este ano. O 2021 recorda demasiado a aquela frase de M. Rajoy de que “canto peor, mellor”.

Nesas andamos mentres os salarios continúan polo chan (e abríndose oco no subsolo) e os alugueres polas nubes. Mentres moita xente viu como o seus proxectos de vida se esvaecían e mentres a maioría da xuventude soña con ser mileurista, un concepto que a xeración anterior pensaba superado. Mentres as migracións de quen non ten nada que perder e todo por gañar se intensifican en todo o mundo.

A realidade cambiou, pero as regras do xogo non. A máxima do pensamento neoliberal de que “se fracasas é culpa túa” continúa vixente. Avanza esa interiorización da culpabilidade capitalista que está provocando unha epidemia de depresión, de medo e de nostalxia e a perda dos espazos colectivos. Dirán que se cobras pouco é culpa túa. Que se quebra o teu negocio é culpa túa. Que se non consegues as túas metas é culpa túa ou que se morres no mar tratando de lograr unha vida mellor é culpa túa por arriscarte. A min, de momento, permitídeme que o dubide.

*Xornalista de Agolada afincado en Madrid.