Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Estoupido e fin de Nós

Convidamos aos lectores a visitar a exposición “Galicia de nós a Nós” que ocupa o Centro Cultural Márcos Valcárcel de Ourense, e máis. Versa sobre a que foi, de 1920 a 1936, a revista cultural de nome Nós. Diciamos que a publicación desapareceu en Galicia coa II República. En xullo de 1936 os militares franquistas impuxeron o seu ditado en toda Galicia. Daquela, resultou liquidada, entre outros valores, a revista Nós.

Galicia viuse abalada por un sismo destructivo. Xorde, loce, e cae o Partido Galeguista. O desenlace foi atroz, con Nós no corazón da turbulencia. Unha porción de nacionalismo, que tivo como centro referencial a Risco, declárase franquista en canto Castelao e Bóveda, na ponte de mando, abrazan a Frente Popular. O pobo galego votou un Estatuto que pretendía abrirlle a comporta a autodeterminación. Nada puido der como se soñaba. Desapareceu a revista e a editorial Nós.

"Algúns escritores, que eramos mozos nas segunda metade do século XX, aprendemos de Nós a procurar as nosas raíces"

decoration

O seu editor Ánxel Casal, fusilado, en canto quen fora líder nacionalista, Risco, abrazaba a causa dos sublevados. Arturo Noguerol, que albergara na súa casa a sede de Nós, executado polo franquismo. Roberto BlancoTorres, caído na raia de Portugal que tanto amara Nós. Os irmáns Fuentes Canal, íntimos de Nós e xermolo dunha banca nacional galega, asasinados en Carfaxiño, Vilanova dos Infantes.

Camilo Díaz Baliño, un dos debuxantes de Nós, pasado polas armas no escenario histórico da batalla de Cacheiras. Johán Carbalheira, colaborador de Nós e alcalde de Bueu, “claudiado” no mesmo matadoiro no que pereceu Bóveda. Logo desta relación, que podería ser incrementada, veñen as xentes relacionadas con Nós que sufriron ostracismo e presecucións varias aínda que salvasen a vida. Otero Pedrayo, destituído da súa cadeira; Manuel Martínez-Risco no exilio coma Castelao. Este, renacido en forma de guieiro de todo o republicanismo e nacionalismo galego.

As Irmandades da Fala proclamaran, entre outros puntos que se achan pendentes de execución, a “soberanía estética de Galicia”. Manuel Antonio acendera un faro con esta luz ao tempo que a peneiraba con esperanza de República Galega. Algúns escritores, que eramos mozos nas segunda metade do século XX, aprendemos de Nós a procurar as nosas raíces. E tamén a coñecer as letras máis contemporáneas e diversas. Recomendamos, pois, a visita á exposición “De nós a Nós” .

Compartir el artículo

stats