Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Salvai a Casa da Neve!

O 27 de outono de 1755, o padre Sarmiento visitou Celanova e dixo o que tiña que decer deste sitio central da historia de Galicia que debe ser visitado incluíndo Vilanova dos Infantes e Castromao, e outros lugares ateigados de memoria. Xusto sobre o convento e actual vila de Celanova, no estribo do macizo e serra de Leboreiro, que traspasa a raia de Portugal, encóntrase a eminencia coñecida co curioso nome de Casa da Neve. Celso Emilio Ferreiro soía decer que, ao ouvir cousas da Casa da Neve, lle viñan memoranzas da nenez. Dun día no que Tony Román lle emprestou, para el ler, un conto ilustrado cuxo título era “A Raíña das Neves”.

Co tempo, Antonio Román foi famoso director de cine e Celso Emilio brillou coma alto poeta de nosoutros. Parece que na Casa da Neve houbo adegas subterráneas ou pozos cubertos onde se conservaba a neve dos invernos con que logo se fabricaría o sorbete para os frades do mosteiro gozaren nos veraos. No arredor da Casa da Neve encóntrase a misteriosa cidade morta de Cachiquimbra, ou o pedregullo que dela quede. Coido que Sarmiento menciona Cachiquimbra na crónica da súa viaxe, aínda que estou escribindo de memoria e esta pode resultar traizoeira.

"Unha entidade estranxeira ten previsto violar o espazo histórico-artístico de Celanova cunhas torres eólicas de altura desmesurada nas ruínas de Cachiquimbra"

decoration

E ben, unha entidade da que non se sabe máis ca a súa condición extranxeira, ten previsto violar brutalmente o espazo histórico-artístico de Celanova erguendo sobre as ruínas de Cachiquimbra e no outeiro da Casa da Neve unhas torres eólicas de altura desmesurada. “Sete torres xigantescas de 102 metros de altura con rotores de 155 metros de diámetro erguéndose coas súas aspas ata os 1000 metros de altura da Casa da Neve e da Chaira de Albos e Amoroce, á vista de todo o val e a 4 Km. de distancia da vila de Celanova e de 5 do burgo medieval de Vilanova dos Infantes”. Con estas verbas aléntanos Xosé Benito Reza.

A paisaxe arqueolóxica, artística e humana de todo o territorio afectado encóntrase severamente ameazada. Un movemento activo contra as máquinas que transformarán se llo permitimos o vento en quilovatios nunha operación colonial que non lle vai producir beneficio senón a inversores sen rostro que, seguramente, vivan ociosos a milleiros de quilómetros de Celanova, está en marcha.

Os contrarios ao atentado da Casa da Neve están a difundir fundamentadas alegacións ao proxecto cun sólido argumentario en defensa da Terra e do seu patrimonio económico e cultural. Véñenme á memoria as Irmandades da Fala e máis Manuel Antonio cando se referían á “soberanía estética de Galicia coma a un dereito”. O proceso de colonización parece ser que continúa. Agora tamén defendemos a nosa soberanía enerxética.

Compartir el artículo

stats