Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Pontes e pontes sobre o río Miño

Camilo Nogueira, no parlamento de Galicia, teimaba na necesidade de construír pontes internacionais sobre o río Miño. Naquel tempo non había máis ca unha de tales características: a de ferro que liga Valença con Tui. A persistencia de Camilo era contrarrestada polas dereitas e polo PSOE que nunca entenderon a femencia pro-portuguesa do nacionalismo galego. “Cantas pontes soña en construír o señor Nogueira sobre o Miño?”–preguntou con sornamorna un colega parlamentario dos que aínda hoxe boicotean á Eurorrexión que debería chamarse Gallaecia. “Tantas coma as que cruzan o Sena en París”- retrucou Camilo Nogueira. Deciamos que, daquela, só había unha ponte internacional en Galicia.

Mais existe outra, secreta e de vocación contrabandista, que salva a corrente do río Barxas ou Troncoso cando este afluente do Miño fai fronteira entre as aldeas de Alcobaça e Azureira, portuguesa a primeira e galega a segunda (se a memoria non mas moveu de sitio). Houbo transbordador entre Monção e Salvaterra que veu inaugurar o presidente Mário Soares cun ben cortado discurso radical galegoportugués.

Hoxe as pontes sobre o Miño supoñen a corrección das historias tristes de Galicia e de Portugal

decoration

As pontes multiplicáronse rapidamente sobre o Miño. Leo que se vai a edificar outra máis nun lugar da porción internacional do río. En canto á miña cidade natal que é Ourense, direi que na miña infancia, só tiña dúas pontes sobre o Miño. A Vella e a Nova. O río é símbolo do chegar a ser e pasar eterno de todo canto hai. Pero a ponte avísanos de que os homes se rebelan contra a fugacidade e precuran a solidez dos seus camiños e do seu trasfego civil, comercial, cultural, militar. A ponte superou o vao, as poldras, a natureza en función incomodante.

Hoxe as pontes internacionais sobre o Miño supoñen a corrección das historias tristes de Galicia e de Portugal. Por iso, a tendencia é a cruzar as augas do Miño con moitas pontes. Estes días as que existen teñen menos uso como consecuencia das medidas que se toman para combater o virus. Pero virán días mellores. Hai antigos deuses e deusas nos cumes que se erguen sobre o Miño. Eles e elas habitan o Sandomedio, o Faro, o Aloia, o Arga, o Trega e outras eminencias que dialogan entre si, desde a noite dos séculos, sobre o Miño nas derradeiras leguas do seu curso. En canto a nós, seguimos desexando mil pontes máis sobre todos os ríos fronteirizos do mundo.

Compartir el artículo

stats