Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Maremagnum

A sensación de alivio pola desaparición de Trump combínase co aborrecemento que producen as intencións de Biden. Este pretende recuperar o dominio militar e económico dos EE UU sobre o planeta. Pero tamén se nota, aquí e acolá, un certo desnorte magnético que a epidemia universal parece inocular nas subxectividades. Na última novela de Le Carré lida por min, sae unha compañía privada de espionaxe e accións irregulares chamada Ethical Solutions, ou cousa bárbara así. No foco de atención, figura, en España, Villarejo con parche Dayan que esperpentiza o ámbito e nos fai desexar un Valle-Inclán para pór en solfa o día de hoxe. Ir iríase Trump, pero o seu recambio amosa a renacencia de Kennedy no intre no que impulsou o proxecto Bahía Cochinos.

Os activistas carnavalescos que tomaron o Capitolio seguramente estaban teledirixidos por unha axencia comisionista entrenada en provocación e alteración da orde pública. Hoxe Ethical Solutions, ou organizacións tipo Auga Preta, introducen activos no conflicto catalán que se concentra na defensa dun artista ao cal esta columna non lle relea a liberdade de blasfemia. De modo que aquilo que Biden retoma ostentosamente é a vía das primaveras árabes, que non son a de Cunqueiro.

"Non descartamos a posibilidade de que nos espera un período de decadencia imperialista que foi iniciado por Trump"

decoration

Agora Biden céntrase en Arxelia e na liquidación do FLN dos nosos soños xuvenís. A alternativa é adoptar en Arxelia un islamismo compatíbel co libre mercado e a subordinación aos EE UU ao modo marroquí. Lémbranse da OTAN? Non lles daba a impresión de ela estar desaparecida? A OTAN, agora, resucita. Angela Merkel avisoulle a Biden: olle que o mundo está a ser multilateral e debe continuar sendo de tal modo. O multilateralismo en política non é o querido por Biden. Merkel combina a moral luterana cunha educación socialista na DDR.

O monumento a Marx e Engels segue en pé nun espazo privilexiado de Berlín. Merkel non fala inglés en público, como fan Borrell e Solana, Durao Barroso e Sampaio. En todo caso pensamos que hai unha cita no futuro que marcará a destitución do inglés como lingua de dominación imperial. Cicais, nese mesmo futuro, haxa alguén que evoque o intre de caos no que nos achamos con asistencia do Principio Esperanza. Estoume a referir a Ernest Blosch, que tamén era de nación alemá. Que non soñe Biden, pois os soños perversos poden converterse en morte e desolación real. Non descartamos a posibilidade de que nos espera un período de decadencia imperialista que foi iniciado por Trump. No maremagnum estamos pero a Historia continuará.

Compartir el artículo

stats