Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Rosalía de Castro no seu día

Febreiriño corto cos seus vinteoito. / Se dura máis catro, / non queda nin can nin gato. Cumpriu o tempo as previsións dos almanaques, aínda que seguimos notando a falta d’O Gaiteiro de Lugo. Este febreiro foi turbulento: neves, carambelo, auga, trebón, xistra. Os meteorólogos perderon a ocasión de restauraren a palabra “galerna”.

Rosalía de Castro viñera ao mundo o 24 de febreiro de 1837. Era filla da Revolución, do mesmo modo que Pardo Bazán foi modelo cultural da Restauración Borbónica. Diante nosa estase a conformar o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro. Trátase dun movimento vivaz de iniciativas non gubernamentais, como se estila agora decer. “Rosalía é a figura máis representativa das nosas letras”, escribira Fernández del Riego. Os mais dos galegos e galegas concordarán coas súas palabras.

Rosalía empréstalle o seu nome a espazos públicos e institucións e iniciativas de toda clase. Decer Rosalía é nomear Galicia con outra palabra, nacional e afectivamente mellorativa. No ano 1891 trasladouse o corpo dela desde o cemiterio de Adina, que é sagrado da catedral de Iria, ao incipiente Panteón de Galegos Ilustres de Bonaval. A traslación converteuse en desfile masivo do que a igrexa católica preferiu permanecer distante. Despregouse, por primeira vez, a bandeira azul e branca como enseña nacional de Galicia. Hoxe é tarefa urxente a renacionalización de Bonaval e a reversión aos poderes públicos dos sartegos de Rosalía e dos grandes que alí a acompañan.

"Decer Rosalía é nomear Galicia con outra palabra, nacional e afectivamente mellorativa"

decoration

A memoria, insurrecta, váiseme ao Teatro Principal de Ourense nun serán de 1944. Celébrase unha velada da Coral de Ruada, que, ao tempo, dirixía Daniel González. Eu estaba alí e lembro cántigas, gaitas, muiñeiras. Sobre todo lembro unha rapariga maior, África Valencia Stuyk, que recitaba, con marcada xesticulación e riqueza de variantes tonais, “Adios ríos, adios fontes”. Notei dentro de min o “desgarrón afectivo” sobre o cal estaría escribindo, naquel intre, Dámaso Alonso en Madrid. A miña nai apretoume o brazo e díxome en castelán: “É de Rosalía de Castro!”.

Moitos anos despois, na noite de pedra de Celso Emilio e Veiga Leitao, tiven ocasión de asistir ao mitin de inauguración dunha notábel estatua de Rosalía no Espolón padronés. Era 1957 e Otero Pedrayo o orador principal. Unha masa popular entregue seguía en silencio o discurso do Mestre cuxa fluencia oratoria dificultaba a nosa respiración.

Compartir el artículo

stats