Existen catro obxectivos fundamentais da medicina: prevención da enfermidade e promoción da saúde, alivio da dor e o sufrimento, atención e curación dos doentes acompañada de coidados aos incurabeis, e finalmente, evitación das mortes prematuras e busca dunha morte tranquila. Cando non é posibel a curación, as metas deben ser proporcionar coidados que melloren a calidade de vida, encamiñados a dignificar a persoa. O problema é que moitos profesionais sanitarios non dispoñen de coñecementos e habilidades para enfrontar o final da vida. Ademáis, as unidades de coidados paliativos son un ben escaso e están infradotadas, polo que todos os sanitarios temos a obriga de impregnarnos deste xeito de actuar, e non debería haber nengunha rama sanitaria allea a esta consideración.

Pénsáse no estereotipo do enfermo de paliativos como un doente oncolóxico, pero cada vez máis está medrando, paralelamente á expectativa de vida, unha inmensa poboación afectada por doenzas terminais cardiolóxicas, respiratorias, neurolóxicas, renais, etc. Nos últimos anos de vida requiren un aumento progresivo de ingresos e atención en centros de agudos. Idealmente deberían iniciarse en periodos de non hospitalización as deliberacións entre doentes e sanitarios para planificar o fin da vida da maneira máis acorde cos valores de cada un, pero desafortunadamente os documentos de últimas vontades son pouco usados.

Ademáis da actividade estrictamente anestésica, é fundamental o papel das unidades de dor, onde tratamos un dos síntomas refractarios máis frecuentes nos doentes terminais. Un 38% dos doentes oncolóxicos padecerán dor en intensidade moderada ou severa, e un 32% terán a dor insuficientemente controlada. Podemos aportar máis utilizando técnicas intervencionistas con gran efectividade en aliviar a dor, moi similares ás que facemos todos os días no perioperatorio, o que nos sitúa nunha posición privilexiada para tratar a estes doentes. Estas técnicas teñen moitas ventaxas, entre elas reducir o consumo de opioides e as problemáticas derivadas da súa utilización.

A relación da anestesioloxía con coidado palitivos é tan intensa, que a sociedade que se adica ao tratamento da dor, en Galiza chamase Sociedade Galega da Dor e Coidados Paliativos. Ademais, en Holanda un 75% dos membros de equipos de coidados paliativos son anestesiólogos, en Alemania uns 200 hospitais teñan servizos de paliativos organizados por departamentos de anestesioloxía, e hai anestesiólogos que presiden sociedades europeas de paliativos.

En canto aos doentes máis graves que tratamos nas unidades de coidados intensivos, existe un problema de enormes dimensións, xa que en países como Bélxica ou Canada o 15% dos doentes ingresan en coidados intensivos nos 6 meses antes do falecemento, cifras que alcanzan o 40% en Estados Unidos. Ainda que os obxectivos de intensivos e paliativos parezan antagónicos, ambas buscan exactamente o mesmo, por diferentes camiños pero converxentes, alcanzar a mellor calidade de vida posíbel no tempo restante de existencia. A medicina intensiva só pode ter sentido se persegue ca mesma forza que os coidados paliativos a calidade de vida, a preservación da dignidade humana, e o alivio do sufrimento.

Confiemos en que a pandemia sirva de impulso para que poidamos enfrontarnos sen medo ao final da vida, que haxa unha aposta clara por convertir os coidados paliativos nunha prioridade, e a mentalidade paliativa, nunha habilidade transversal de obrigado cumplimento para todos os profesionais médicos. Plantemos unha semente que espalle esta sensibilidade, para esta viaxe é necesario máis vontade que recursos.

Non esquezamos que os coidados paliativos son moi eficientes en termos económicos, xa que reducen as necesidades de ingresos, as atencións en servizos de urxencias ou os ingresos en unidades de críticos. Pero ainda máis importante, fagamos posibel que aumente a satisfacción dos doentes e poidan ter uns coidados de calidade, para que máis pacientes poidan pasar os últimos días da suas vidas acompañada dos seus seres queridos nos seus fogares.

*Anestesiologo do Hosp. Alvaro Cunqueiro e membro da Xunta Directiva AGARYD