Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

De Bolina

Xosé Ramón Pena

Iglesias (non) viste de Prada

Please allow me to introduce myself./I’m a man of wealth and taste. Desde logo, estou ben certo de que han de ser bastantes/moitos de entre Vdes. –sempre moi amables lectores destas crónicas semanais– aqueles que lembren –todo ou, polo menos, en parte– os versos do célebre tema creado e interpretado polas Súas Satánicas Maxestades, The Rolling Stones. En calquera caso, declarándose a si mesmo culpable dun bo monllo de desordes, desfeitas e argalladas –killed the tazar and his ministers, Anastasia screamed in vain...–, velaí que o noso protagonista non dubida en presentarse neles asemade como “un home con posibles e bo gusto”. E, en efecto, os seus diversos nomes –Satanás, Belial, Belcebú..., por máis que, na cantiga, Jagger explique que atende simplemente por Lucifer: just call me Lucifer– dan cumprida noticia doutras tantas tarxetas de crédito; obviamente, “tarxetas black”. En fin, como nos deprenderon no seu día Meryl Streep/Miranda Priestly e Anne Hatahaway/Andrea Sachs, está moi claro que o demo cando quere vestir, viste de Prada.

Pois ben: por moito que nos últimos tempos acudise ao Congreso dos Deputados ataviado cunha americana Zara Diba –antes diso xa pasara, con todo, por Malasaña e 198 Revolt Clothing: roupa republicana e, nin que dicir ten, plenamente “sostible”–, sabido é que D. Pablo Iglesias Turrión, antes que os modelos prêt-à-porter da aprezada firma italiana, prefere (ou prefería) sempre esoutros, ben máis modestos, made in Alcampo. Unha actitude, non obstante, que non impediu, nin impide aínda, que o actual vicepresidente segundo e ministro de Dereitos Sociais e Axenda 2030 do goberno das Españas, Perejil e territorios indómitos adxuntos veña ser considerado por parte de alleos –alleos politicamente, quero dicir– e mesmo aínda por algúns que se identifican como propios, como a verídica representación do Outro; é dicir, do Demo infernal.

"Por volta da primavera/verán do 2014, o Sr. Iglesias e mais os seus semellaban dispostos para unha ascención que se deseñaba pouco menos que imparable"

decoration

Se Vdes. me acompañan no breve –e próximo no tempo– percorrido histórico, poderán comprobar de contado que, convertido daquela o hashtag “Pablo Iglesias” en trending topic 1 en Twitter, por volta da primavera/verán do 2014, o Sr. Iglesias e mais os seus semellaban dispostos para unha ascención que se deseñaba pouco menos que imparable: mesmo o inefable CIS lles foi conceder unha segunda posición no tocante á intención de voto, apenas un 0,9% detrás da primeira forza nesa altura, o Partido Popular. En fin, paseando pola “villa y corte” no outono dese mesmo ano, este cronista –e, desde logo, non só eu, senón outra moita xente de ben diferentes pelaxes– chegou/chegamos a considerar que Podemos estaba de certo en disposición de “asaltar os ceos”. Podemos? “¡Sí se puede!”, coreaban a pleno pulmón os seus militantes e seguidores.

Cabe supoñer, desde logo, que algún día analistas e historiadores explicarán se tan só se tratou dunha ilusión óptica ou, polo contrario, foron acontecer nesa xeira circunstancias, conxunturas... que agora mesmo soamente forman parte da política-ficción e/ou do latexar da conspiranoia. Mais fose como fose, e sen que por iso cesasen as incriminacións, denuncias, ataques... –velaí, sen ir máis lonxe, as artelladas (2016) da man dos comisarios Fuentes Gago, Villarejo e mais os xornalistas Eduardo Inda e Esteban Urreiztiera respecto dunha conexión coa Venezuela bolivariana, e que forman parte xa da investigación sobre o uso partidista do Ministerio do Interior coa intención de desacreditar os partidos opositores–, logo foi pasar..., foi pasar o que pasou, con Galapagar de por medio. Xa que logo, as únicas escaleiras que levan ás Alturas continúan a ser aquela que describira Ramón Cabanillas en Na noite estrelecida –e que asenta na illa de Sálvora– e, nin que dicir ten, esoutra que moi ben foron afinar os Led Zeppelin.

No se puede estar en misa y repicando la procesión, sentenza ben o vello adaxio castelán. Sen lle prestar a debida estima, tal parece que D. Pablo optase, ben polo contrario, por tentar xogar á ubicuidade e mais á ominipresenza divinas; sen dúbida, toda unha lección de estrés.

Deste xeito, o recente titular dunha revista satírica viña anunciar: “Pablo Iglesias sigue prometiendo que cuando esté en el Gobierno derogará la ‘Ley Mordaza’”. Ou o que vén ser o mesmo, en versión agora escrita no noso romance occidental: “Cando o demo non ten que facer, co rabo torna as moscas”. Así pois, o Malo Maligno, D. Pablo? Poñamos, mellor, que un redivivo “diablo Cojuelo” a levantar os tellados de Madrid.

Compartir el artículo

stats