Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

5.000 mortes esquecidas

O ano 2020 e o que levamos de 2021 están a ser tráxicos para toda a sociedade. Escusamos explicar o porqué, pois tanto por experiencias persoais, como polo impacto informativo, queda claro o sufrimento que causa esta grave crise sanitaria. A pandemia, madía leva, centra a atención e relega a un segundo plano outros dramas, como ese que na última década provocou por riba de 5000 mortes en España, máis de 500 en Galicia. Falo das mortes no traballo. Por definición, toda morte no traballo é evitable. O principal motivo da sangría que padecemos é unha Lei de prevención de riscos laborais insuficiente, que debe actualizarse con urxencia para atallar a situación. Detrás de cada dato hai unha persoa, pero tamén o drama consubstancial á perda dun ser querido (familiar, amigo, compañeiro de traballo...). A pandemia ensinounos que é preciso corrixir moitas cousas, unha delas é a prevención de riscos laborais.

Malia a redución da actividade económica por mor da situación sanitaria, a sinistralidade laboral mortal en xornada de traballo incrementouse un 9,8 % no Estado. En Galicia rexistrouse unha diminución pero ínfima (–3,7%), pois pasamos de 54 mortes no 2019 a 52 no 2020. A incidencia da sinistralidade mortal non se corresponde coa evolución xeral dos accidentes de traballo, que si se reduciron significativamente no último ano, sobre todo os leves (–24,49%), pero tamén os graves (–20,17%). Isto quere dicir que os sinistros con resultado de morte están moi enraizados no noso mercado de traballo, polo que cómpre unha actuación firme e urxente para non termos que seguir lamentando, ano tras ano, un número inasumible de perda de vidas humanas.

Outro cambio significativo nas estatísticas é a diminución no recoñecemento de enfermidades profesionais (–20,98 %) no último ano. Podería parecer un bo síntoma, pero é inevitable facerse a seguinte pregunta: os datos sobre estas patoloxías responden fielmente á realidade ou, pola contra, pasan camufladas como enfermidades comúns? Sabemos que en moitos ámbitos é moi difícil obter o recoñecemento de que unha doenza ten como orixe o posto de traballo; moitas veces atribúese a actividades persoais alleas ao ámbito laboral, á idade, etc. Isto leva asociados varios problemas: a invisibilización da orixe de moitas doenzas e, xa que logo, a dificultade do labor de prevención; os prexuízos económicos para as persoas afectadas, porque non ten o mesmo tratamento un tipo de enfermidade ca o outro; e tamén o maior custo para as arcas públicas, pois asumen gastos que non lles corresponderían.

Que podemos facer para lograrmos un ámbito laboral máis seguro e saudable? En primeiro lugar, desde CCOO reiteramos a necesidade de modernizar a Lei de prevención de riscos, de xeito que facilite a actuación máis áxil sobre a orixe dos problemas. En segundo lugar, a desmercantilización dos servizos de prevención e da medicina do traballo, que deberían estar exclusivamente ao servizo da clase obreira.

*Secretario de Saúde Laboral de CC OO de Galicia

Compartir el artículo

stats