Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Vigo e agradecementos

Un día exclamou o alcalde Portanet: “¿Que le debe Vigo a Rosalía de Castro?” Discutíase o nome que levaría a rúa nova que prolongaba Marqués de Valladares e chegaba até Miragaia. Finalmente quixo a opinión civilizada de Vigo que tal nome fose o de Rosalía de Castro. Repasando o nomenclátor da primeira cidade de Galicia observamos que del se acha ausente Teodoro Vesteiro Torres, escritor que se supón nado na actual rúa de Abeleira Menéndez. Vesteiro marchou do mundo por vontade propia en 1876. Suicidouse, de xeito espectacular nunha sala do museo de El Prado. Deixou escritas numerosas obras das que sinalo aquí Monografías de Vigo, que penso que se imprimiron na Praza Maior ou da Constituxión da súa cidade natal. A morte del foi sentida pero provocou a censura do elemento clerical. Por razóns relixiosas, a persoa literaria de Vesteiro Torres foi reducida a un silencio represivo. Por esta razón, un dos escritores vigueses máis recoñecidos do século XIX non lle da nome a rúa ningunha da cidade nativa. A Vesteiro Torres, Vigo débelle a primeira divulgación de Martín Codax, entre outros favores. Vesteiro Torres, sen embargo non ten rúa nin estatua en Vigo. Certamente nesta cidade existen moitas persoas que non se explican esta ausencia onomástica. Obsérvase, por cima, que hai máis ausencias literarias no rexistro histórico de Vigo. Lembremos Xosé Gómez del Valle, xornalista, poeta, narrador, que usou o pseudónimo de Johán Carballeira. Naceu en 1903 en Vigo e estivo ligado a revistas e xornais dos anos 20 e 30 do século XX, moi especialmente a Faro de Vigo e El Pueblo Gallego.Membro do Partido Galeguista, e, dentro do Frente Popular, ocupou o posto de alcalde de Bueu, vila na que tiña propiedades. O 17 de abril de 1937 Johán Carballeira morreu fusilado polos militares franquistas. A vila de Bueu honrou a súa memoria de moi diversas formas. Non así o Vigo natal onde o silencio público da súa figura prolóngase ao mesmo tempo que permanece en pé a cruz do Castro. “La Patrie Reconnaissante”, escribira a República Francesa sobre a porta do seu Panthéon. “A cidade de Vigo agradecida”, son palabras que poderían campar nas lápidas das futuras rúas de Vesteiro Torres e de Johán Carballeira.

Compartir el artículo

stats