Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Teoría da respectabilidade

Coido ben que estaremos de acordo en que todas as persoas son, ou deberían ser, obxecto de respecto; en que todos os seres humanos deveñen, devimos, inviolables; en que todo home ou muller ten dereito a expresarse con liberdade e participar activamente na vida pública. Pola mesma, penso que cabe concordarmos asemade en que todas as profesións son, ou deberían ser, obxecto de deferencia: así electricistas como médicos, camareiros, xuíces, mecánicos...

Agora ben; escrito está que “pacta sunt servanda”: é dicir, unha sociedade -unha sociedade plural, como esta mesma na que habitamos- só acerta a funcionar de veras cando as partes que a compoñen cumpren fielmente os pactos establecidos. Aplicado ao noso caso: todo profesional ha de gozar sempre da presunción diso mesmo, da súa profesionalidade. Porén, cando un electricista, un médico, un camareiro, un xuíz, un mecánico... non observa, el mesmo, os códigos do seu labor, daquela tampouco (lle) pode extrañar que os demais expresen del que se trata dun mal, ou incluso dun pésimo, médico, camareiro, xuíz... Así mesmo acontece que se ben, e como xa ficou establecido, todas as persoas son, ou deberían ser, obxecto de consideración, sucede que nin todas as opinións que se verten se amosan merecentes desa mesma prerrogativa. Dito/escrito de vez: se alguén vai e espeta, poño por caso, que as mulleres son inferiores aos homes; que a terra é plana; que a teoría da evolución vale o mesmo que esoutra do deseño intelixente; que as pirámides de Exipto deveñen cousa de alieníxenas; que a homosexualidade é unha doenza curable; que todos os científicos do mundo participan dunha conspiración para facernos acreditar nunha pandemia que, en realidade, non existe... ;nese caso, e por máis que quen afirme semellante desatino continúe a ser obxecto de respecto como ser humano, non pode pretender iso mesmo verbo da súa opinión. O que é máis:se esa persoa, para colmo, vén ocupar un cargo de responsabilidade pública, conforma un deber, unha clara obriga por parte das autoridades competententes sancionar, impedir e apartar esa persoa da súa función. E iso por algo tan simple como porque os demais -e, especialmente, os seus pacientes, alumnos...- non poden ser atendidos, educados, xulgados... por aqueles que foron romper co pacto e iren converterse, en consecuencia, en prexudicados dun atropelo, padecedores dun absurdo, vítimas dunha estafa.

“En resumo -retrucarán, acaso e chegados aquí, algúns e algunhas-: Vde., o que vén propoñer é, polo visto, que o Estado impoña, si ou si, a súa verdade por enriba do dereito inalienable das persoas a se expresaren cando, como e cando lles pete. E Vde, chámase aínda a si mesmo demócrata?”

A ver: está ben certo que habitamos, sen dúbida, en tempos de confusión e que, ademais, certos xeitos que arriban onde nós desde o corazón do Imperio, acadaron tamén un forte predicamento entre determinados sectores desta beira do Atlántico. Mais así e todo, non se confundan nin pretendan confundirnos aos demais. Porque, ao cabo, o que tales formas propoñen non configura para nada unha sociedade democrática e si, polo contrario, a exaltación desoutra libertaria. Ou mellor dito: libertaria ultraliberal. Unha sociedade que, unha vez que se manifeste como absolutamente imposible, vai dar, si ou tamén, nesoutra totalitaria e que constitúe o verdadeiro obxectivo a conseguir polos teóricos da conspiración. Porque, en efecto, baixo a prédica da “apertura de pensamento”, da “ruptura co sistema”, do afán por estarmos “atentos diante das alternativas”, do proxecto de non escollermos “o máis cómodo, o respectable, o decoroso...” o que se vén agachar non é outra cousa máis que a proclama do “vivir peligrosamente”: isto é, aquilo mesmo que exaltara no seu día Grabriele D´Annunzio e que informa tanto a retórica de Benito Mussolini como esoutra -neguen o que neguen os tales- da man do gurú Osho, dos seareiros da New age, dos bisontes que asaltan o Capitolio e/ou daqueles que se forran a costa dos quintos e sextos milenios. Neofascismo? Pois si.

Nunha democracia -real, non nos sucedáneos de parvada light e 0.0 en calorías- non todo é válido, non todo resulta aceptable. Xa que logo, nin médicos negacionistas, nin xuíces laretas ou bispos alleos á fe cristiá teñen asento nela. Coido ben que xa é moita hora de que todos aqueles que só pretendemos vivir razoablemente alcemos a voz.

Compartir el artículo

stats