Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ao pé do farelo

Coa axuda do santo do día

A fráxil liña imaxinaria e invisible entre a razón e a superstición mantenos a un ou outro lado dela dun xeito inconsciente, coma se dun acto reflexo da nosa natureza mortal se tratara, aínda que a crucemos sen reflexionar nin reparar nilo en multitude de ocasións. Pensar e dar como certo que se hai algo malo nos pode afectar se facemos isto ou aquilo condiciona a nosa resposta cara ao exterior e, polo tanto, o noso comportamento interior diante dun acontecemento incerto, porque presentimos que pode suceder algo malo e non desexable para nós. Algo así como dar por seguro, tirando da nosa fe na superfechería e superstición, que se hai unha mínima posibilidade de que algo malo nos suceda, seguro que ocorrerá inevitablemente, salvo que adoptemos algunha medida protectora.

Curiosamente, este máxico parapeto seudo espiritual ímolo sentir coma un escudo materializado en fantásticas fórmulas, letanías, pócimas ou bálsamos como o de Fierabrás, ritos todos eles tan irreais coma fantasmagóricos, pero que outorgan a tranquilidade demandada polo noso maltreito espírito mortal. Persignarse ao saír da casa, tocar compulsivamente varias veces un obxecto, como se fora un tótem poderoso, bendicir as cousas e lugares, entrar ou saír dun lugar co pé dereito, non pisar raias ou interseccións das baldosas e adoquíns da casa e das rúas, porque dende nenos nos meteron na cachola aquilo de quen pisa raia pisa medalla, quen pisa cruz pisa ao neno Xesús, etc. Toda unha retaíla interminable de ritos absurdos que se supón nos protexen dos descoñecidos males, do mal de aire ou do mal de ollo, quen sabe logo.

Gastamos unha enorme cantidade de crenzas e supersticións que carecen do máis mínimo rigor científico, pero das que nos protexemos por se acaso, sen dúbida reminiscencias do noso pasado cavernario no que permanecíamos expostos e en loita continua con todo o descoñecido; fenómenos naturais incontrolables e incomprensibles para aqueles homes de reducida capacidade de raciocinio, confusos e estupefactos diante do lume, a escuridade, as estacións, a enfermidade e a morte, porque resultaba tan incomprensible, invencible e definitiva coma para nós que continuamos en aberto combate e loita permanente contra ela.

O famoso dualismo: o tótem e o tabú do ser humano, ao que se refería Sigmund Freud nos seus traballos de antropoloxía e psiquiatría, dos que dependemos e continuamos usando e abusando buscando o seu amparo e protección para sentirmos algo máis seguros e tranquilos.

Coa axuda de Deus e o santo do día, un Noso Pai e un Ave María.

Compartir el artículo

stats