Como si se tratase dun filme en branco e negro dos de misterio e intriga o noso veciño Alfonso Fernández teceu hai uns días un relato por medio dunha tribuna libre cando menos curiosa para remarcar que é contrario á proposta de zona de acampada para Cabo Udra. Máis exactamente mostrouse crítico ante a decisión soberana da veciñanza organizada na Comunidade de Montes en Mancomún da parroquia de Beluso de solicitar o apoio á Corporación de Bueu para a “declaración de interese municipal do campamento de turismo de Chan de Esqueiros-Udra”. Unha iniciativa por certo da que son promotores ao tratarse dos lexítimos propietarios destes terreos veciñais, aínda que os gobernos de anteriores mandatos do BNG fosen tamén o xérmolo desta idea que el considera desgrazada.

Cabo Udra é un Lugar de Interese Comunitario (LIC) desde 2004 e Zona de Especial Conservación (ZEC) desde 2014. Os seus terreos na súa maior parte - preto de 50 hectáreas- no ano 2007 foron clasificados como veciñais xunto a outros a petición da entón xestora de Montes, nun proceso que comezou en 2006 e que contou co apoio e o respaldo da AAVV O Progreso de Beluso, a Mancomunidade de Montes do Morrazo e a Organización Galega de Comunidades de Montes. Fronte a isto o goberno do PP de Bueu e a empresa privada Promalar -famosa por certo por apropiarse de moitos terreos irregularmente durante o franquismo- non querían que os montes pasasen a ser xestionados pola veciñanza, algo que pola contra o BNG sempre defendemos en todas as instancias nas que estivemos tanto no goberno como na oposición.

Fai referencia Alfonso Fernández á categoría de Rede Natura 2000 como unha das cuestións que lle asombran para buscar o uso como zona de acampada a Chan de Esqueiros en Udra. Precisamente é esta rede a que establece a posibilidade de dotar ao espazo desta infraestrutura, marcando incluso a localización na que facelo que é a que tal como lle indicaron os informes municipais á Comunidade de Montes debe ser obxecto de consulta pola Xunta de Galiza. Porque o que avaliará máis polo miúdo o Concello serán tanto o anteproxecto coma o proxecto que se elabore unha vez a administración galega dea luz verde ou non, tal como se fixo noutra proposta que xa está funcionando no noso termo municipal e na que se velou para que fose ambientalmente sostible. Un caso no que non lembro que o señor Fernández de xeito individual ou a través de ningún colectivo formulase tanto a súa queixa na fase previa como mediante alegación.

A escuridade á que fai referencia o artigo “O misterioso cámping de Udra” pode ser porque tirando dun símil forestal as árbores non lle deixan ver o monte ao seu autor. Parece que non leu na prensa en varias ocasións nin escoitou no pleno de febreiro -e que pode volver a ver na canle de youtube do Concello de Bueu- o porqué da urxencia da moción, non atendeu a que se tratase nunha xunta de voceiras ao ser unha iniciativa que non viña de ningún dos grupos da Corporación, e que contara ademais este órgano coa presenza da directiva do colectivo promotor para aclarar calquer dúbida a todos os grupos ao mesmo tempo. Incluso omite ou descoñece que a propia directiva da Comunidade de Montes reuniuse co grupo municipal do PP ao pedirlle este partido un tempo a maiores para valorar a proposta que foi o que fixo que non fose nin en decembro nin en xaneiro a pleno para ir finalmente en febreiro.

As amizades que entendo relaciona coa militancia política no BNG do alcalde e Millán non proceden na trama, máis se cabe nos termos maliciosos que esgrime no seu artigo. Igual a apreciación pode ferir a veciñanza comuneira que respaldou a inciativa que presentou a Comunidade baixo o mandato da súa asemblea. Porque temos antecedentes en desencontros e tiranteces entre as dúas institucións, por sorte resoltas froito do diálogo e a negociación que falan ás claras de que este colectivo como debe ser aplica o clásico dito galego de amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale.

*Xosé Leal é voceiro do grupo municipal do BNG de Bueu