Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

As outras Xohana Torres

“Yo sólo escribo en gallego” –respondeu Xohana Torres a unha pregunta periodística. Fora en ocasión dela conseguir o premio de poesía da Asociación da Prensa de Vigo. Sería no ano 1955. Tal resposta, en certos medios culturais oficialistas, caeu coma unha bomba. Xohana Torres, daquela unha moza, comezou a brillar como alta poeta publicando en Illa Nova (Galaxia) o seu primeiro libro de poesía: ‘Do Sulco’ (1959).

Os exiliados de Vieiros deron á luz poemas de Xoana de fondo pouso existencial e patriótico. Foi Xohana aclamada no que respecta ao seu xorne feminista. Seguiu ela escribindo poemas até a fin da súa vida. Pero había, e hai, outras Xohana Torres. Ela foi muller do teatro e da declamación. Iniciouse no grupo Teatro Estudio de Ferrol, coido que canda Laura Pérez Landeira e Rafael Taibo. Produciuse vocalmente en recitais memorabeis de diferentes poetas que coñeceron gravación e pasaron ao disco. Xohana afondara no teatro clásico e contemporáneo de varias literaturas europeas, e a súa vocación poética era inseparable da súa vocación dramática.

Publicou dúas pezas teatrais: ‘A outra banda do Iber’ (1965) e ‘Un hotel de primeira sobre o río’ (1968). Nelas entran o símbolo político da dependencia, as clases populares en proceso crítico, a vivencia radical das individualidades, a creba violenta do sedentarismo emocional, caracteres que serán inesquecíbeis para o lector.

Eis a nosa frustración. Libros e lectores; non escenarios, actores e público. Non hai teatro sen persoas de carne e oso que accionen e falen para outras persoas vivas escoitaren a fonación real que enche o ámbito. Isto, a representación, foi aquilo do que non gozou Xohana Torres como tampouco gozara Valle-Inclán en vida. Por cima, o galeguismo máis pousón encontráballe seguramente ao teatro de Xohana Torres unha alarmante proximidade á Nova Narrativa.

Non pasou o teatro dela da potencia ao acto. E foi pena. Aínda así e todo nada impide que unha directora ou director de teatro faga agora das dúas pezas senllos espectáculos contemporáneos. Debemos felicitar á Engaiolarte pola excelente edición (Vigo, 2020) destas dúas obras dramáticas. Que Xohana Torres sexa novelista de altura e fundadora da literatura infantil na nosa lingua son cousas que merecen ser tratadas noutra ocasión.

Compartir el artículo

stats