Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cando as pontes estrangulan

A integración, económica e non só económica, entre Galicia e Portugal, é unha realidade relevante. Algo natural, dado que era unha fronteira política a que limitaba a expansión natural da fachada atlántica peninsular. Igual que o Eixo Mediterráneo era unha realidade, o Eixo Atlántico estaba tronzado por unha barreira allea aos intereses das persoas, da economía, da xeografía ou da cultura.

Desde a nosa incorporación á actual Unión Europea (antes Comunidade Económica Europea), Galicia volve ter Sur, en expresión de Enrique Saez Ponte, e Portugal atopa ao final do país, visto desde Lisboa, unha sociedade e un territorio de afinidades e similitudes únicas.

Galicia e o Norte de Portugal, en resumo, pasan a ser menos periféricos, e onde había unha barreira, aparecen oportunidades. As cadeas de valor (automoción, téxtil e moda, pesca, madeira, construción...) pasan a ser compartidas, especializando a cada parte do territorio naquilo no que reúne máis avantaxes competitivas, reforzando a capacidade do conxunto nos mercados globais. Un caso de éxito, como o da integración dalgunhas outras áreas europeas.

Se o fenómeno é relevante para Galicia, máis significativo é para a área metropolitana de Vigo. A realidade é que o fenómeno metropolitano da cidade xa traspasa a fronteira. Hai concellos do Alto Minho cunha integración económica no Vigo metropolitano igual ou similar á dos concellos galegos. Non é un fenómeno anormal, sucédelle o mesmo a Montreal, por exemplo. A proximidade desta cidade á fronteira entre Canadá e Estados Unidos fai que os condados de Estados Unidos máis próximos teñan unha integración funcional na cidade canadiana. En Europa hai varios casos similares.

Outra área sensible é a dos concellos do río Miño transfronteirizo. De A Guarda a Crecente e de Caminha a Melgaço, os concellos do río avanzan a unha vida diaria compartida, que gañou formato institucional coa Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT Río Minho) ou coa constitución de eurocidades.

Neste territorio, epicentro da integración, os traballos desenvolvidos nestes últimos anos pola Deputación de Pontevedra, coas universidades de Vigo (Economía e Empresa) e de Santiago (Xeografía), proban como medra o Miño transfronteirizo no seu conxunto desde a zona central (Tui – Valença), e como se debilita nos extremos.

Na parte galega do Río Miño, a necesidade de completar a rede viaria e desenvolver parques empresariais, para unha demanda desesperada por chan a prezo non especulativo, son as claves para un despegue inmediato. A posta en marcha efectiva da PLISAN ou porto seco de Salvaterra – As Neves, que reforza o Vigo metropolitano, comeza agora a ser unha realidade e vai supoñer isto para a parte interior, pero falta por resolver a do oeste (Tomiño – O Rosal – A Guarda).

As colas quilométricas na ponte de Tui – Valença que recollen os medios, son a evidencia dese éxito de integración. De Galicia e Portugal, de Vigo co Minho e O Porto, e dos concellos do Río Miño entre eles. Miles de persoas para traballar, comprar ou vender para as súas empresas, miles de camións con mercancías.

Case que a metade do tráfico diario entre España e Portugal é obrigado a facer cola nun funil, acreditarse e continuar. ¿Serve para algo? Segundo as fontes oficiais, moito menos do un por cento dos vehículos non son autorizados. O número dos non autorizados cambia día a día, pero é simbólico.

En clave sanitaria, se a intención é evitar o paso, como teñen dereito a pasar, non deixan de facelo. A realidade é que só serve para prexudicar a todas as persoas que pasan pola ponte.

Por outra banda, o resto das pontes está pechada, agás catro horas ao día a ponte de Salvaterra – Monçao. En consecuencia, todos os que cruzan a diario o Río Miño aos concellos limítrofes quedan bloqueados, ou deben ir ao funil. De novo, os traballos da Deputación de Pontevedra, da man dos concellos e da AECT Río Minho, documentan as consecuencias: As laborais, evidentes, de obrigar a moitas persoas, con salarios baixos, a desprazarse horas en automóbil para traballar en fabricas de Cerveira, ou nas fincas de Tomiño, poñamos por caso, cando vivían a escasos minutos dos seus traballos; pero, con miles de residentes cruzados entre os dous países, tamén se producen dificultades de atención a familiares, problemas de acceso aos medicamentos (sistema sanitario diferente, receitas e farmacias diferentes), e limitacións a outros servizos.

Podería alegarse que, sen pechar a fronteira, a mobilidade sería maior, e probablemente sexa certo. Pero as restricións xa existen á mobilidade, tanto en Galicia como en Portugal. Os peches perimetrais, o teletraballo... xa a limitan. Entón, ¿para que pechar a fronteira? Abonda con establecer controis, como xa sucede dentro de Galicia ou dentro de Portugal, e comprobar que as persoas respectan a lei.

O restablecemento da fronteira no Miño non vai mellorar a xestión da pandemia. Ninguén evita que lle entre o virus no territorio porque xa o temos todos dentro, e en valores ben elevados. Tampouco vai evitar que esquezamos as imaxes do hospital de campaña do IFEMA de Madrid, na primeira onda da pandemia, ou dos camións frigoríficos en Lisboa, para gardar os corpos dos falecidos, na terceira. Reaccionar a iso pechando a fronteira do Miño non salva vidas, nin reduce infectados.

Máis útil sería centrar o debate en como compartir (e cofinanciar) os recursos públicos, como por exemplo o sistema sanitario, para protexernos xuntos, igual que outras experiencias europeas; ou en poñer os medios para o tren de alta velocidade Vigo – Lisboa, que marcaría o futuro da cidade. Debemos centrar as enerxías, os recursos públicos e a decisión política en cuestións de utilidade social e económica, e non en poñer paos nas rodas dos vehículos que cruzan o Miño, porque xa forman parte dese futuro común.

*Profesor titular de Economía Financeira e Contabilidade. Universidade de Vigo

Compartir el artículo

stats