Opinión | Tribuna libre

Celestino Pardellas de Blas*

De Ons á concelleira de Cultura de Marín

Despois de ler na prensa que o Museo Torres de Marín ía a comezar a catalogación dos restos arqueolóxicos que tiña almacenados, vin a ocasión de escribir esta nota que xa tiña pensado hai tempo e que sempre ían deixando.

Non teño moi claro o ano pero, penso, que sería finais dos 70 principios dos 80 do s.XX, cando uns rapaces da miña idade, ano arriba ou abaixo, achegáronse a Ons e ben por afección ou porque estarían a cursar algunha carreira de Historia, andaron á procura de datos e materiais pola zona da praia de Canexol, Castro e Cova dos Mouros, Chan da Pólvora e ata polas proximidades do Centulo onde cren hai outro castro.

Recordo que atoparan restos que tiven a oportunidade de ver. Charlando con eles, sei que eran de Marín e que ían levalos para estudalos, dalos a coñecer e expoñelos, o que si non recordo se me dixeron onde.

No inverno posterior ou no seguinte a eses feitos, chegoume a nova de que na biblioteca de Marín, que estaba a piques de inaugurarse ou acaban de facelo, había expostas unhas pezas que poñían que procedían de Ons. Sei que, daquela, achegueime e efectivamente, nun estante estaban as pezas que aqueles rapaces atoparan en Ons e que tiñan unha ficha que, entre outras cousas, poñía que procedía de Ons.

Coidando que estaban en boas mans, así quedou a cousa. Pasaron os anos e formamos en Ons a Asociación PineirÓns (1998). Comezamos a editar a revista cultural gratuíta Aunios cuxo obxectivo principal é dar a coñecer as importantes peculiaridades de Ons, que están sen investigar, para que persoas cualificadas viran nesta Illa un campo virxe de estudo. Cando nun dos números da revista tocouse o tema da arqueoloxía e falaba dos poucos restos existentes para o seu estudio, acordeime daquela exposición de Marín.

Como xa pasaran case 40 anos daquilo, e como estivera posteriormente na biblioteca e sei que aquel estante desaparecera (supuxen que aqueles restos irían ao museo de Pontevedra), pensei en facer o que agora estou realizando, escribir un pequeno artigo de prensa para publicar na edición de Marín dirixido a aqueles mozos, que hoxe roldarán os 64 anos para, se se acordaban, deran datos sobre os materiais que trouxeran daquela e, con sorte, ver a posibilidade de saber onde se atopaban actualmente co fin de dalos a coñecer e que os estudosos da arqueoloxía de Ons tiveran un material para examinar.

Agora, aproveitando que están a inventariar restos que, entre eles é case seguro, estean eses procedentes de Ons, escribo para que si, por casualidade, están fichados dalgún modo, os dean a coñecer. Á vez, se esas persoas que os trouxeron, len isto e se acordan de algo, sería interesante que o comunicaran, despois de 40 anos nada vai pasar, e sen embargo sería moi importante para ir esclarecendo a historia de Ons. É por iso que está nota vai dirixida á Concelleira de Cultura e á empresa encargada do inventariado.

*Presidente da Asociación Cultural “PineirÓns”

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS

Tracking Pixel Contents