Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Os homes-bisonte e mais o estado democrático (e II)

“E que diría Vde., Sr. Pena, se, en realidade, Donald Trump tivese razón e se demostrase que, en efecto, si que houbo un fraude electoral masivo nos EE UU? Cal sería a súa actitude se certos informes saísen á luz e todos puidesen comprobar que estamos inmersos nunha conspiración por parte dos grandes poderes, que nos teñen agrilloados arreo?” .Traducidas ao noso romance patrio noroccidental, velaí as verbas dun par de lectores destas crónicas semanais, evidentemente disconformes co contido da publicada o pasado sábado, 16, do mes que habitamos. Trátase de sentenzas que veñen coincidir –segundo me informan– con esoutras vertidas en certo programa televisivo milenarista no que conflúen, cal nova Arca de Noé, espías da TIA (xa saben; a axencia de información de Mortadelo e Filemón), ocultistas de pasarela e autoproclamados mestres espirituais de diversos roteiros e rarezas.

Pois verán: durante máis de trinta e cinco anos exercín como profesor no eido do ensino medio e asemade no universitario. Xa que logo, teño plena constancia dos atrancos, pexas..., mesmo desencantos por parte dun certo número de alumnos perante a dificultade para distinguir con claridade entre complementos directos, indirectos..., comprender as causas da Revolución francesa, discernir na complexidade da célula eucariota, proceder con xeito respecto da teoría cuántica de campos ou adecuárense aos “misterios” da axeitada pronunciación da lingua inglesa. Non obstante o cal, tamén podo informar de que a gran maioría desas boas xentes si que acabaron por sere quen, se non de dominar ao completo a materia, si de entendela o suficiente como para arribaren á idade adulta, e á sociedade democrática moderna, cunha formación o suficientemente sólida e veraz. Accederon a tal coa axuda, desde logo, dos seus profesores –e tamén de pais, amigos...–, pero sobre todo mercé ao esforzo e mais a necesaria disciplina. Cidadáns e cidadás, en fin, que razoan e en cuxas capacidades é posible confiarmos.

Agora ben; por desgraza tamén podo dar noticia desoutro pequeno grupo que, diante do compromiso, decidiron optar pola nugalla. Ou o que aínda devén peor: non faltaron –nin faltan– aqueles a combinaren o anterior coa rebeldía estéril, o culto decidido á ignoracia arrogante: “e para que teño que aprender gramática?”; “quen me asegura a min que son as leis da física e da bioloxía as que de veras nos gobernan?” Ou o que vén ser o mesmo: sen sequera resultaren conscientes do proceso, foron instalarse no puro e duro negacionismo. Negacionismo do universo que os rodea e negacionismo da súa propia condición de marxinais (e marxinados) nel.

Parapsicólogos, terapeutas das enerxías, influencers incapaces de sinalaren o nome da capital de Francia, terminais de terminais de Paulo Coelho..., pero así mesmo algún que outro profesional que ama moito máis o seu ego desmedido –e os números da conta bancaria– que o código deontolóxico e, desde logo, políticos populistas e toda a súa corte de mariachis mediáticos: eis a colección de aves de rapina, luras e voitres á espreita. Todos eles dispostísimos a “liberaren do seu xugo” aos infelices. Todos eles preparados para lles predicaren “a boa nova”, o deber de “pasar a formar parte da Resistencia”, “romper co rabaño...”. Sen dúbida, un opio magnífico, unha droga de efectos marabillosos e infalibles: e é que para que perdermos anos enteiros das nosas vidas debruzados no estudo; para que experimentarmos con probetas e matraces; por que motivo aplicar a vista sobre os microscopios; andarmos a deseñar motores cando calquera –e simplemente con “atreverse a cruzar as portas para alén do coñecido”– pode ser moi capaz de curar o cancro, mover obxectos a distancia, comunicarse por telepatía ou aparecer de súpeto en Nova York sen necesidade de aeroportos e avións. Dito en prata: a santo de que Newton, Bohr, Severo Ochoa, Einstein... cando temos á man a todo un Miguel Bosé? Washington, Gramsci, Marx, Churchill..., sen dúbida figuras absolutamente menores perante os mil e un brillos trumpistas. A ciencia, a razón e mais a xustiza? “Eu afirmo que Xesucristo se reencarnou nos EE UU, no século XIX, baixo a figura de John Smith”. “Tío, dáme unha proba diso”; “Amigo; dáme ti unha proba do contrario!”. “Se ese libro vén contradicir a Biblia, non o queremos. Pero se vén relatar o mesmo que a Biblia, para que o queremos?” En fin, por que motivo aceptarmos as verdades da razón cando podemos conducirnos por esoutras procedentes das nosas “partes máis nobres”?

“Que pasaría se Trump tivese razón?”, preguntan os tales. E que pasaría se, despois de todo, “Hitler e mais os nazis non fosen tan malos” ou se “todas as imaxes que temos da Terra estivesen trucadas?” . Escribiuno ben Celso Emilio: que pasaría? Pero non!

Compartir el artículo

stats