Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Celanova En Resistencia

“Sabede que un comando revolucionario acaba de tomar o trasatlántico portugués Santa Maria”-–dixéralles Borobó un día de xaneiro do ano 1960 a un grupo de amigos de esquerda na taberna de O’Fouciño de Antealtares, Compostela. En días seguintes, aquela operación de comando fíxolle coñecer ao mundo un programa político claro: tratábase de derrubar as ditaduras fascistas de Salazar e de Franco e de proclamar unha república federal ibérica como obxectivo final.

Foise sabendo que entre os mandos dos asaltantes, se encontraban os galegos Comandante Sotomayor e Xunqueira de Ambía ou sexa Xosé Velo Mosquera. En Galicia, moi especialmente, a persoa de Velo está sendo máis e mellor coñecida. Este nacionalista, nado en 1916, fora membro das Mocedades Nacionalistas Galegas. Durante o período do Frente Popular, as Mocedades de Celanova, moi disciplinadas, ocuparon, tras dunhas eleccións internas con debate, a dirección do organismo. Xosé Velo converteuse en secretario xeral, Celso Emilio en responsábel de organización e Remixio González Gándara en vocal executivo. Nogueiras, este de Allariz, foi designado presidente nacional da Federación.

Co estalido da guerra civil, Velo e os compañeiros que conseguiron salvar a vida, víronse forzados a participar no bando dos sublevados. Ao termo do conflicto foille a Velo pouco o tempo para se incluír, coma nacionalista da Mocedade, na organización da UNE, fronte unitaria que era hexemonizada polo PCE. Ao termo da II Guerra Mundial, caeu a UNE de Vigo, que en algures se chamaba Alianza Nazonal Galega.

En Vigo vivían varios nacionalistas da UNE, como eran os casos de Mastache, Otero Castelao e o propio Velo. Foron presos, torturados e procesados. Debido á situación internacional, o réxime de Franco viuse obrigado a poñer a Velo en libertade provisional. El aproveitou a ocasión para fuxir pola raia seca. Asentou en Venezuela, onde fundou, o Lar Galego de Caracas. Nesta cidade, fundou o Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL). Esta organización denunciou a natureza fascista e opresiva dos reximes de Portugal e España. A biografía de Velo foi escrita por Antón Piñeiro e sumáronselle aportacións visuais e de todo tipo de Margarita Ledo, de Aser Álvarez e doutros. Na actualidade, a figura de Velo non é a dun descoñecido na súa patria. Inclusive ábrese camiño a idea de que, a presenza de Velo no Congreso da Emigración Galega celebrado en Bos Aires nos anos cincuenta do século XX foi decisiva para construír os Padroados da Cultura Galega, restaurar un ameazado Consello de Galiza e, todo habería de xogar en favor da emerxencia da UPG e da reorientación á esquerda do PSG. Os que coñeceron a Velo aseguran que a súa facultade de convicción se baseaba nunha oratoria aprendida no ronsel tumultuoso de Ramón Otero Pedrayo.

Compartir el artículo

stats