Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Gibraltareña, gibraltareña

“De luces y de colores se viste el mar,/hay luces en las casitas de Gibraltar./España mostró el camino de la verdad,/por eso le estoy cantando a su libertad.” Estou certo de que todos aqueles e aquelas, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais que xa “peitean canas” han de lembrar ben os compases da célebre cumbia. Corría o ano de graza -é un dicir- de 1967 e Los Tamara, coa voz inconfundible do noso gran crooner Pucho Boedo á fronte, gravaban no selo Zafiro un single en cuxa cara A figuraba o tema “Curva peligrosa” mentres que o lado B incluía xustamente esoutro, “Gibraltareña”, cuxos primeiros versos vimos de reproducir. Aínda nesa mesma altura, Johnny, Casto Darío e mais a inesquecible Alma María -Los Tres Sudamericanos- daban ao público outro sinxelo: na cara B figuraba “Cuando salí de Cuba”, de Luis Aguilé. O anverso do disco amosaba, da súa parte, a canción composta por Jorge Morell e Ricardo Ceratto; evidentemente, outra volta “Gibraltareña”: “Cruzaré La Línea para besarte junto al Peñón”.

Vén, desde logo, a conto a cita musical por canto asistimos nos pasados días -e á raíz das últimas conversas arredor do “affaire Gibraltar”-,así desde as redes sociais como aínda en determinados medios de prestixio, a unha renovada eclosión de patriotismo hispano co seu correspondente correlato de desafectos polo mundo anglosaxón, os moi fillos e fillas da “pérfida Albion”, pero aínda respecto dos representantes do actual goberno das Españas, alcumados de pusilánimes e “calzonazos” cando non, directamente, afectados polo delicto de aberta traizón. En fin, nihil novum sub sole, dito/escrito vaia en clásico.

Ben sei -e ben han de saber igualmente os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais- que o relato da historia nos amosa como até en tres oportunidades procurou a monarquía borbónica recuperar pola forza a célebre “punta amada de todo español”: a primeira delas entre outubro de 1704 e marzo de 1705; é dicir, antes mesmo da asinatura do Tratado de Utrecht polo cal a Gran Bretaña accedía á plena soberanía sobre o territorio xibraltareño. Outra volta, en 1727, as tropas españolas buscaron reverter a situación. En fin, entre 1779 e 1783 -e coas célebres “baterías flotantes”do enxeñeiro francés D´Arçon polo medio- tivo lugar o “Gran Asedio”, ao cabo tan pouco exitoso como os anteriores sitios. A partir de aí, España decidiuse por agardar a que, xa como consecuencia da correlación de forzas e alianzas europeas, xa mediante a presión diplomático-económica, Xibraltar acabase por caer do seu lado, cal froita madura. A día de hoxe -Brexit non Brexit- continuamos na espera.

Chegados aquí -e non me xulguen Vdes., por favor, un impío antipatriota e revolté- o caso é que non podo deixar de preguntarme o seguinte: descontando os, citados, esforzos bélicos do XVIII, ata que punto ese declarado devezo por recuperar o penedo se traduciu, e traduce, realmente nunha actuación sólida, para alén das proclamas solemnes? Porque acontecer si que acontece que a presenza británica en Xibraltar si que constitúe de seu un acto de persistente piratería. Agora ben; tendo en conta, dunha parte, que case 15000 españois acoden aló a traballar a diario -co que iso vén supoñer para toda a bisbarra circundante-; considerando, doutra, o carácter de Xibraltar como paraíso fiscal e, en fin, sen que nos esqueza que, se un bo día o goberno da Súa Graciosa Maxestade decide restituír o territorio a España, faltaralle tempo ao rei de Marrocos para organizar unha nova “marcha verde” sobre Ceuta e Melilla... de veras que se está polo labor de chantar a bandeira no alto do penedo, si ou tamén, con todas as consecuencias? Disimulen a desconfianza, mais tal semella ás veces -tal e como afirmaba Hitler respecto do mariscal Pétain- que Xibraltar veña ser unha sorte de pelello, un fol de gaita que de cando en cando convén encher de aire.

En fin, coido que han de lembrar ben os lectores o final de “Mars Attacks!”, o film dirixido por Tim Burton en 1996: nel, os marcianos deveñen derrotados porque os seus cerebros estoupaban ao escoitaren “Indian Love Call” de Slim Whitman e que as tropas terrícolas foron difundir por todo o planeta, altavoces prestos. Pois ben; se non con “Gibraltareña” -na rocha gozan os corpos con ela-, pero si que co “Gibraltar” de José Luis y su Guitarra ou, xa en pleno revival, con “Lamento español” do dúo “Los Dos Españoles”, coido ben que os “llanitos” acabarían por pedir papas moito máis cedo que tarde. Mesmo é posible que os derradeiros defensores da Union Jack, completamente desesperados, acabasen por impetrar que os mísiles británicos fixesen estoupar de vez o penedo e concluír o sufrimento. Coido que o CNI xa está demorando en actuar.

Compartir el artículo

stats