Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Historia dun Día

Cómpre insistir en que o Día das Letras galegas foi ideado en Vigo no curso dun xantar que partillaron dúas persoalidades do galeguismo e da resistencia antifranquista: Francisco Fernández del Riego e Manuel Gomez Román.

O encontro, cordialmente conspirativo, produciuse no comedor do Continental, que estaba situado na zona da Laxe. Desaparecido está este hotel, que semellaba xémeo do seu veciño, o Universal. O edificio do hotel Continental quizais fora proxectado polo propio Gómez Román. Lembremos que Del Riego foi responsable da primeira organización secreta do Partido Galeguista nos anos cuarenta do século XX, e Gómez Román, o seu presidente.

Se evocamos aquel xantar, podemos ver como os dous comensais acordan celebrar un Día das Letras Galegas cada 17 de maio. A escolla da data debeuse a que Rosalía de Castro asinara o 17 de maio de 1863 a dedicatoria dos seus ‘Cantares Gallegos’, editados en Vigo. Dado que Gómez Román e mais Del Riego eran académicos de número da Galega e que Sebastián Martínez-Risco presidía eficazmente a institución, os convivais do Continental resolveron instar á Academia á creación do Día das Letras Galegas. As sinaturas do arquitecto e do escritor foron reforzadas pola doutro académico, o historiador Xesús Ferro Couselo, quen residía en Ourense.

O plenario da Academia Galega aprobou a proposta e o noso Día das Letras nacía con vocación de permanencia. Aquel 1963, que era o ano do centenario da saída ao mundo dos ‘Cantares Gallegos’, en moitos lugares de Galicia houbo actos rosalianos, nacionalistas e republicanos de modo máis ou menos críptico ou velado. De entón a hoxe, o Día das Letras foi medrando en forza e en complexidade, e sempre constitúe unha cita que aguilloa os ánimos para a actuación e a reflexión de galegos e galegas das xeracións que se van sucedendo.

O próximo Día das Letras Galegas estará felizmente dedicado a memorar a poeta Xela Arias. Eu remoo, coma as vacas soen, e ao tasto da lembranza venme unha Xela traste e xuvenil dacabalo do seu motorilo ou cruzando as portas de Edicións Xerais de Galicia de cuxo cadro de traballo ela foi elemento distinguido.

Logo Xela ceiba no panorama da poesía galega contemporánea o seu libro ‘Denuncia do equilibrio’, obra que desde o título ao fin contén unha disolución de modelos existentes que pode moverse entre Manoel Antonio e o que non hai. Cedo, un duro destino interrompeu a vida e a obra de Xela Arias. Falarase moito dela.

Compartir el artículo

stats