Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Europa na fábula

Europa na fábula

Velaquí a estoria de Europa. Contouna (en fulgores) Ovidio a partir, segundo se di, de fontes helenísticas. Difundiuna, na Idade Media, Boccaccio nas súas Genealogiae dos deuses dos xentís. Entrou, a de Europa, na agra aberta das narracións do Renacemento, do Barroco e do Neoclasicismo, para ir parar aos vales macabros do silencio literario. Aquela bela e moza Europa era filla de Axenor, rei de Fenicia. Zeus (na ocasión, Xúpiter) namorouse dela. Como era costume nos deuses indoeuropeos, Xúpiter mutou mediante unha metamórfose, ou avatar índico, pra lograr a satisfacción do seu desexo. Cobrou o corpo e forma dun boi branco colludo, ou touro.

A xove Europa era, pois, asiática e semítica. Xúpiter, en canto touro, levou Europa no seu lombo até Creta e, alí, o pai dos deuses púxolle o nome dela á terza parte do Orbe. Di Varrón que Pitágoras mandou levantar en honor a Europa unha espléndida estatua de bronce. Certamente, en Samil, Vigo, mestre Oliveira erixiu un excelente monumento do mesmo metal con Europa derriba do touro Xúpiter. Tres fillos enxendrou Europa con Xúpiter. Un deles foi aquel Minos que habían de recordar os laberintos de Mogor, Cnosos, Holliwood de Irlanda e máis os cobertores dos indios Hopi de América. Agora, o boi colludo ou Touro eternízase coma constelación no firmamento, e a el se referen os máis diversos poetas de inspiración próxima ao mundo clásico. Nada, as siglas vulgares da CECA, do MC e a UE, teñen que ver con esta Europa que Xúpiter arrapañou no conto inmortal. Este que lles recontei (profanándoo) é relato literario que seduciu algunhas ánimas poéticas da civilización da que Galicia forma parte.

Hoxe coa retirada británica da UE faise evidente a desfeita dun imperio que, dirixido polos EE UU, naceu do utilitarismo e do capitalismo de corazón metálico. Esa Europa comunitaria, sen poesía e lonxe da filosofía, do humanismo, das ciencias sociais e da natureza, e que fora constructo táctico da CIA, nada ten que ver coa princesa semítica que a fábula evoca para descrédito dos burgueses que xa lle miraron as orellas ao espectro que ameaza o imperio. Acaba de ser asaltado o Capitolio norteamericano igual ca un día asaltaran o de Roma uns galos precursores que foran escorrentados polos gansos. Todo lles está nos bos libros de Historia. Que non se detén nunca, nunca.

Compartir el artículo

stats