Outra desfeita aparentemente inevitable esta dos lanzais cedros que medraron durante máis de cincuenta anos a carón da estatua de Xoán Bosco do escultor Camilo Nogueira, inaugurada en 1966, naquel ano no que non esquecerei comecei a primaria no colexio salesiano. Outra corta que provocou a indignación e a impotencia dalgunhas veciñas do propio barrio, mais que como todas as anteriores foi autorizada por Patrimonio da Xunta de Galicia e contaba cos informes dos técnicos municipais que, a pesar de recoñecer nesta caso a aceptable saúde das árbores, detectaron algún risco para as persoas e perigo de que algún día tarde ou cedo (un tempo indefinido) acabasen caendo. Sen apelar a ironía ningunha, madía leva, nin sequera abondou o compromiso explícito da alcaldía expresado diante das cámaras hai un ano, cando se iniciaron unhas obras executadas polo Concello en colaboración coa Deputación, para manter o arborado histórico que facía daquel curruncho da Ronda un dos máis xeitosos do centro.
Dende hai uns anos o Vigo urbano é un territorio onde as árbores por unhas razóns ou por outras corren sempre perigo, sobre todo cando se acometen obras de renovación do viario ou dos espazos urbanos de lecer. Como tamén é un exercicio que en Vigo entraña risco denunciar este arboricidio, se por tal termo entendemos a “corta inxustificada de árbores”, xa que para os actuais responsables municipais estas denuncias obedecen apenas a unha andrómena froito da polarización política cada vez máis presente na corporación. Como até agora tampouco foron atendidas as denuncias das organizacións ecoloxistas e veciñais viguesas que reclaman ao concello que cesen as cortas e os traslados de árbores urbanas, unha medida paliativa non exenta de risco (como sucede coas palmeiras da praza da Estación) e desenvolvan unha protección afectiva das árbores antigas por tratarse dos medios que mellor protexen á veciñanza da contaminación atmosférica e acústica.
E o mellor do caso sobre a constante polémica sobre a corta e o traslado de árbores e arbustos urbanos (velaí a Dinosebe collendo agora raíces nos xardíns da Alameda) é que boa parte destas leas se evitarían atendendo estritamente ao establecido no capítulo VI da Ordenanza Municipal de Medio Ambiente, referida a “Zonas naturais e espazos verdes”, vixente dende 1994, sendo alcalde Carlos González Príncipe. Ordenanza na que figura, entre outras medidas de protección do arboredo urbano, o compromiso de contar cun catálogo municipal actualizado de “formacións e especies vexetais singulares [plantadas sobre solos de propiedade municipal ou terreos particulares] que pola súa beleza, antigüidade, historia ou rareza merezan ser conservadas”.
Xaora, a polémica sobre o interminable arboricidio vigués radica no erro colosal dos actuais responsables municipais de considerar o arborado urbano apenas como outra peza do mobiliario urbano, como se dun farol, semáforo ou dun adorno se tratase, que pode ser substituído en calquera momento. Un modelo de municipalismo de usar e tirar que, velaí o resultado da actuación recente nun treito da Gran Vía, vai mudando de forma inexorable aquelas árbores que colleran raíces durante décadas na beirarrúa por arbustos, sebes e vexetación con data de caducidade sobre soportes para testos de formigón. O caso é que as árbores son seres vivos, fontes purificadoras de osíxeno e frescura, que en todas as cidades do mundo son consideradas como pezas esenciais para a saúde pública e para o benestar da cidadanía. Como é incuestionable que algunhas destas árbores, como os cedros da Ronda, pola súa antigüidade e singularidade arraigaron como parte do patrimonio da cidade. Cortalas é arrincar tamén a nosa memoria, e iso doe.
bretemas@gmail.com