Tratábase só de economía vulgar capitalista. Servir serviu a UE para crear novos estados cuxo fin non era outro que a ruína das federacións soviética e iugoslava, cousa que organizacións tan potentes coma a NATO e a CIA conseguiron en parte, coincidindo coa UE. Aplicada a receita a China vía Tibet ou mediante o islamismo, resultou un fracaso. Esborrallado o que foi muro de Berlin (e non outros no Sáhara e en Israel) houbo quen dixo, remitíndose a textos filosóficos de Marx, que a Historia tocara á súa fin.
O cal foi moi aplaudido e difundido polo PSOE español no texto dun tal Fukuyama que predicaba a nova fe (ou non tan nova) nun neoliberalismo que significase a liquidación de todo socialismo real no planeta. Este neoliberalismo xa fora ensaiado con éxito no Chile fascista de Pinochet e noutros lugares do mundo. Hai días, a UE recibiu un forte golpe ao escoller Gran Bretaña o seu divorcio. O chamado “brexit” non só escenifica a fin da UE tal como a coñeciamos. Amosa tamén a creba dun mundo unipolar (imposíbel xeométrico) gobernado hexemonicamente polos EE UU segundo as regras economicamente globalizadas. Tal globalización nunca chegara a existir máis ca nos desexos dos globalizadores, pero, ao entrarmos no ano 2021, xorde toda a irrealidade dos fogos de artificio.
China e Rusia fan evidentes as súas forzas e os EE UU descobren, cada día con maior claridade, a decadencia do seu liderado. En canto á Gran Bretaña, todo indica que ela inicia un proceso de reunión co seu vello imperio. Vai ao encontro da Commonwealth cuxos estados Londres estivera a tratar sabia e individualmente desde o día mesmo en que lle dera a independencia á India, ata o intre no que á derradeira das illas do Caribe lle foi permitido exercer a autodeterminación. Veremos unha Inglaterra facéndolle concesións a Escocia e a Gales. E unha Gran bretaña máis unida ca nunca aos EE UU. Polo tanto, a globalización deixa paso ao multilateralismo planetario e, neste mundo politicamente diverso e felizmente contradictorio, seguen a ondexar bandeiras. Algunhas delas esfarrapadas, coma se miran no verso de Pimentel. Outras, sen embargo, conservan a cor vermella.