A Esquina Verde como lle chamaba García Martí a Galicia, é a porción de península Ibérica que posúe unha maior densidade de nomes de lugar. Tales nomes, ou topónimos, constitúen un tesouro cultural que distingue a Galicia de modo singular. Durante séculos, a dominación política castelá, ou española, foi degradando a nosa toponimia e modificándoa de maneira, ás veces grotesca.
Sen embargo, a cultura superior e o nacionalismo galego acadaron unha vitoria cando o estatuto de autonomía oficializou o vixente Nomenclátor de Galicia. Daquela, a forma galega dos topónimos converteuse na obrigada a todos os efectos. Naturalmente, o Nomenclátor contiña aínda algunhas castelanizacións. Coma tal, A Cañiza en lugar de A Caniza.
Houbo resistencias á regaleguización coma case sempre procedentes de forzas reaccionarias. Estas terminaron sendo domeadas polo pobo. Famosa foi a contumacia do alcalde socialista da Coruña ao negar coma parte inseparable do nome oficial da súa cidade o artigo feminino galego. Hoxe, a cidade que se chamaba na Francia do século XV, La Coulogne, e que Napoleón coñecía como La Corogne, non ten outro nome oficial que A Coruña. Un alcalde franquista non quixo acatar a disposición que lle ordenaba descastelanizar o nome da súa vila e repoñelo como A Pobra do Caramiñal, cousa que ao final prevaleceu. De todos modos advírtense algúns fallos no vixente Nomenclátor de Galicia que non son para tratar agora.
Pero o galego é falado por milleiros de persoas fóra das fronteiras administativas da actual autonomía que goberna a Xunta. Ou sexa, nos concellos asturianos entre Eo e Navia, nunha porción de León e do leste da provincia de Zamora. Como alí o galego carece de recoñecemento oficial, a opresión castelanizante exércese sen outra resistencia que a pasiva, e tamén activa, que o pobo poida exercer. En consecuencia, a toponimia galega sofre maltrato e está desprotexida. Esta humilde columna solicita que, no próximo Día das Letras Galegas, lle sexa rendida homenaxe nacional a Antonio Fernández Morales, excelente poeta en galego do século XIX de raíz e torga berciana.