Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Apropiación indebida

Visitamos, nun museo nacional irlandés, o espazo que lle dedicaba á exhibición dos regalos de Estado que recibira Eamon de Valera no exercicio da súa presidencia da República. Un dos presentes que alí poden ser vistos é o facsímile, en ouro macizo, dun torques da época castrexa da Gallaecia. A reprodución está asignada polo xoieiro Malde, compatriota noso. Franco ofrecéralle a De Valera tan espléndido obxecto na ocasión na cal o antigo dirixente do IRA visitou España. Disque, recomendaran o regalo Filgueira Valverde e Sánchez Cantón.

O caso é que o torques duplicado será por sempre parte do patrimonio nacional de Irlanda. Franco, ao revés, apoderouse irregularmente de agasallos de Estado, e mais doutros.

Tamén percibiu subornos do tipo dos definidos penalmente, en rexo idioma castelán, coma cohecho nas Leyes Penales de España de Medina y Marañón. Cantidades notabeis de preciosidades, e algunhas chafalladas, acumúlanse na Granxa, Torres ou Pazo de Meirás (tamén na casa de Cornide). Elas foran arrapañadas por Franco e a súa familia. Falo da Familia F. tal e como foi disecada en termos socioeconómicos polos analistas de Ruedo Ibérico nos anos sesenta do século pasado.

A algúns dos oferentes o Caudillo agradeceulles ás dádivas desmedidas en forma de vales agrícolas monopolizados coma depósitos hidroeléctricos, entre outras concesións. Títulos nobiliarios foron asinados por Franco en favor daqueles que lle fixeran obsequios como Meirás ou a Casa de Santa María do Campo. Franco era advenedizo: amaba o boato e foi feliz figurando de señorito nun pazo, mesmo que se tratase dun falso pazo.

Tamén debeu de recibir con satisfación a Casa do Campo. Á fin e ao cabo, o racionalismo de Cornide fora causa da decadencia de España para o autor da novela e película Raza. E o Caudillo ocupaba o solar do Sabio.

A entrega, por parte do xulgado, das chaves de Meirás aos poderes públicos foi un acto que merecería eternizarse nunha pintura académica de historia. A escena corrixe parcialmente os acontecementos que coñecemos como tempo da Transición ou da Reforma.

Un pacto metálico viña impoñendo a inviolabilidade do rei e a permanencia de continuadores do franquismo no centro dos poderes do Estado. A entrega das chaves significa que os elos de ferro da cadea foron, en parte, domeados. Houbo unha modificación no Grande Relato. Tal como cantaba Arístides Silveira por boca de Celso Emilio Ferreiro, ou viceversa, substanciose un caso particular de apropiación indebida.

Compartir el artículo

stats