Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

CAMPO DE GRANADA

Manuel Bragado

Unha década de plurilingüismo

Non me pasaron desapercibidas as palabras de Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, no colofón institucional da celebración do ano Carvalho Calero, reclamando diante do presidente da Xunta de Galicia “o uso e a presenza da nosa lingua en todos os ámbitos, tamén nos educativos, en todas as materias, sen excepcións, pensando moi especialmente nas novas xeracións”. Unha reivindicación oportuna cando tamén se comeza a celebración do centenario da Xeración Nós e se cumpre unha década do Decreto 79/2010 do 20 de maio para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

Un decreto Feijóo que supuxo unha viravolta na orientación da nosa educación lingüística, estragando o consenso e a progresividade da utilización do galego, respectada en todos os decretos que até entón desenvolveron a Lei de Normalización Lingüística (1983). Un decreto que a efectos prácticos expulsou ao galego das aulas dos centros de educación infantil, erradicou o ensino en galego das matemáticas e das ciencias experimentais dos nosos colexios e institutos, ao tempo que introducía a lingua estranxeira, o inglés, como instrumento de ensino e aprendizaxe de materias non lingüísticas (sociais, naturais, plástica...). Unha década de política lingüística dos gobernos feijoistas na que, segundo os expertos, incluídos os dos cuarto (2014) e quinto (2019) informe sobre o cumprimento en España da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, se acelerou o proceso de substitución lingüística do galego polo castelán como lingua inicial, non estando xa garantida a transmisión da lingua no entorno familiar, ademais de reducirse de forma alarmante o emprego do galego tanto no sistema educativo como na vida económica, social e nos propios medios de comunicación.

O chamamento do presidente da RAG a reconsiderar a orientación desta política lingüística, tampouco foi alleo ao protagonismo do presidente da Xunta na polémica sobre a desaparición do sintagma “linguas vehiculares” na LOMLOE. E abofé que Feijoo non estivo moi afortunado nesta lea aliñándose a pé fixo cos sectores máis ultras, como xa fixera en febreiro de 2009 cando era candidato á presidencia coa andrómena aquela da “imposición do galego”, asumindo agora outra “fake” lingüística de manual, unha mentira coma un cesto roto, a do perigo que corre a aprendizaxe do español no sistema educativo das comunidades con linguas propias. Unha polémica promovida polo sector máis carca da prensa que coa lectura dos textos aprobados non se sostén de xeito ningún. Abonda lembrar que o sintagma “linguas vehiculares” fora introducido en 2013 polo inefable Wert na súa LOMCE (aprobada en solitario cos votos do PP) coa intención de pór paus nas rodas ao modelo catalán de inmersión e nas súas palabras “españolizar aos alumnos cataláns”. Como só abonda ler o texto aprobado na nova LOMLOE para comprobar que a lei aprobada por un amplo espectro parlamentario garante que todo o alumnado deberá acadar “un dominio pleno e equivalente na lingua castelá e, no seu caso, na lingua cooficial correspondente”.

Con todo, o máis triste deste conto é que o sucedido ao longo desta década coa educación lingüística en Galicia xa o anunciamos os que en 2009 denunciamos que Feijoo rachaba o consenso acadado no derradeiro goberno Fraga arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística (2004) aprobando un decreto baseado nunha ideoloxía lingüística alicerzada sobre o piar do carácter hexemónico do castelán en todos os territorios do Estado. Non tiñamos dúbida ningunha que para o presidente o castelán é a lingua importante e o inglés a lingua franca, quedando o galego, no mellor dos casos, para o espazo privado das persoas maiores. Como máis desolador aínda é que ningún dos seus tres responsables da Consellaría de Educación se preocupasen o máis mínimo en avaliar o funcionamento do Decreto 79/2010 nin dos resultados acadados, como quedaba obrigado nas súas Disposicións adicionais. Descoñecemos cales son os beneficios, se é que os houbo, do modelo para a adquisición efectiva das linguas estranxeiras e mesmo se foi garantida ao alumnado que remata a ESO e o Bacharelato a adquisición en igualdade (sería preferible utilizar “en equidade”) de idéntica competencia en castelán e en galego, como figura nos documentos curriculares vixentes.

Nunha situación crítica para o galego, non é doado reorientar a deriva da educación plurilingüe en Galicia. Xaora, sería posible sempre que se asumise un discurso alternativo e se deseñase un modelo de plurilingüismo inclusivo dende a lingua galega, capaz de integrar o castelán, o inglés e o portugués, ademais de garantir con instrumentos de control e a avaliación a dobre competencia das linguas cooficiais establecida na LOMLOE.

bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats