Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Intelectuais e liberdade

É novidade editorial o libro de Suso de Toro que, co título de ‘Un señor elegante’ (Xerais, Vigo, 2020), ensaia a novela histórica que ten como centro unha familia da burguesía togada de Galicia que vai cruzando os séculos XIX e XX. Desta familia, a dos Baltar, o autor selecciona algún individuo para o tratar con atención especial. O escritor introdúcenos en tempos e estados de sociedade, en conflictos e sucesos, seguindo o devenir de tal familia.

Aínda non terminei de ler a novela pero xa podo decer que caín no garamelo armado polo autor. Triunfaron no pasado os ‘Episodios Nacionales’ de Galdós. En ‘Noventa e tres’, Víctor Hugo preséntanos Revolución e Contrarrevolución con ánimo totalizador colectivo. Naturalmente, ‘Guerra e Paz’, de Tolstoi, perdura no tempo e segue a darnos leccións de psicoloxía social e análise do pasado. Otero Pedrayo, en ‘Devalar e noutras narrativas’, é o mestre galego da novela histórica contemporánea.

Na nosa lectura despaciosa da obra de Suso de Toro, andamos no intre en que a Brigada Políticosocial (BPS) detén a Ramón Baltar Domínguez e o prende nunha das escuras e fedorentas celas da prisión de Príncipe, Vigo, por formar parte da Unión de Intelectuales Libres (UIL). Non creo que exista unha monografía sobre o acontecemento UIL. Convértese esta novela en historia ao seguir as pegadas biográficas do doutor Ramón Baltar. Entre o que di De Toro, e outros nos contaron, aparecen os episodios dunha operación antifranquista que, en Galicia, coma en toda España, uniu intelectuais leais á República. A organización caeu en 1947 en mans da policía.

Eu evoco agora nomes e rostros de membros da BPS que se perpetuaron anos e anos no seu oficio en Galicia: J.Ramón Piñeiro, Villar, Waldo López Mazaira, Carril, París... Tivo a UIL unha póla na prisión política de El Dueso e con ela caeu Xulio Soto Fernández, oficial do corpo de Prisións e irmán de Luís Soto. Entremedias do discurso oral que a min chegou, abrénse paso algunhas persoas integrantes deste movemento de resistencia, de forma nítida ou confusa. Alén de Baltar, vexo a figura cordial e lúcida de Darío Álvarez Blázquez en conversa con Jorge Seoane e no fondo da memoria veleiquí que pasa o redondelán Alejandro Otero. Avanza cara nós Francisco F. Del Riego, responsábel orgánico do Partido Galeguista e el vai en compañía, no patio da cadea de Príncipe, de Roberto G. Pastoriza, o ilustre xurisconsulto. Pechan o cortexo, o organizador comandante “Chacama” e máis o activista heroico Xosé Barreiro Fernández. Era 1947, as radios libres do mundo denunciaron a represión exercida sobre a UIL e os gobernos aliados forzaron a libertade destes presos.

Suso de Toro acáballes de dar voz literaria e de crebar unha laxe de esquecemento que pesaba sobre eles.

Para continuar leyendo, suscríbete al acceso de contenidos web

¿Ya eres suscriptor? Inicia sesión aquí

Y para los que quieren más, nuestras otras opciones de suscripción

Compartir el artículo

stats