Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Maradona e o fútbol de noso

“Certamente, o fútbol constitúe un eido absolutamente sobredimensionado”: velaí o diagnóstico dalgunha xente, entre a que se conta algún vello amigo/amiga de meu -e acaso tamén uns cantos de entre Vdes., sempre moi amables lectores destas crónicas semanais-, respecto das paixóns conformadas polo deporte do balompé. Trátase, polo demais, dunha sentenza que se (me) foi reiterar nos pasados días á vista da reacción de millares de persoas, especialmente nas rúas e prazas de Buenos Aires e Nápoles, diante da desaparición dun dos mellores -senón o mellor- xogadores da historia: Diego Armando Maradona, convertido nunha sorte de heroe nacional-popular, santo laico... polo fervor das masas.

Desde logo, cómpre sinalar que, en principio, levan razón os que así pensan; en efecto, tal semella que algo, ou dabondo, de desmesura se manifesta nesa prodigalidade emotiva; nese desbaldir de sentimentos; nun exceso que semella invadir os corazóns e mais as mentes de tantos e tantas. Agora ben; coido que tamén lle cómpre precisar que, se tal proceder devén certo, non é menos verdade que o derroche afecta así mesmo a outras diversas actividades, espectáculos, crenzas..., en fin, a todo aquilo, en suma, que vén mover a moi amplos sectores da humanidade. Porque pode acontecer moi ben, e de feito acontece, que aqueles que abren os ollos de par en par, que fican abraiados diante dos lostregazos da “igrexa” maradoniana, non poñan reparos, porén, e participen mesmo de forma moi activa noutras confrarías, convencidísimos de que o latexo, a querencia -os seus si; non os dos demais- que andan a practicar deveñen os únicos dignos, cando non esixentes, de respecto. Xa que logo, que dicirmos, que anotarmos... cando contemplamos, daquela, as “explosións de fe”, os arrebatos súpetos de tantos fregueses entregados por completo ante a figura dun líder relixioso ou acudindo en éxtase a un santuario de peregrinación? Como considerar as bandeiras e pancartas despregadas, as efusións de adrenalina mentres o líder dunha determinada opción política arenga aos seus? Que determinarmos á vista da epifanía dos fans dun grupo poderoso de rock´n´roll? Non sei Vdes., pero este cronista ten de botar man, chegados aquí, daquel vello adaxio de Publico Terencio: “Homo sum, humani nihil a me alienum puto”. Pero, vaia, retornemos apenas ao fútbol. De veras foi Maradona tan excepcional como predican os seus?

Cabe obxectar que -polo menos no territorio que habitamos- as cousas xa non decorran dese xeito. Así e todo, e para aqueles que “peinamos canas” e gustamos do fútbol, a afección e/ou a participación activa nese xogo, vén ser unha parte esencial da nosa propia crónica vital. Son fillo e sobriño de xente que practicou, e ben, ese deporte que eu mesmo tamén busquei operar decote con tanta teimosía como pouca habilidade; gambetas, lambrettas, colas de vaca e caneos sempre me foron esquivar, coitado de min. Estou a falar, daquela, dun fútbol que xorde nas húmidas mañás dos sábados da invernía; un fútbol a pingar suores, pozas, linimento/auga milagreira e lama. Un fútbol asemade que transita polos areais dun verán mozo e feliz mentres nos deixamos invadir polo cheiro salgado da maruxía. Fútbol xogado en patios de colexio e de instituto, sen xuíces de liña, sen áreas nin offsides: un fútbol de sete contra sete, de cinco contra cinco...; un fútbol sen balóns de regramento e onde tres cornes valían por un penalty. Tamén un fútbol de serán de domingo, gabardinas, bufandas e paraugas; un fútbol de bocadillo e cervexa, de derrotas e vitorias, de arbitraxes inxustas, de goles imposibles no derradeiro minuto. En fin, un fútbol aínda de transistores e de pantallas de televisión por onde se foi mostrar, urbi et orbi, a man de Deus anotando gol.

Para a xeración dos meus maiores foron os Zarra, Juanito Acuña, Gaínza... e, nin que dicir ten, Alfredo Di Stéfano. Este cronista medrou con Amancio, con Luis Suárez -o noso paisano, non o dianteiro uruguaio, claro-, con Pelé, con Luis Aragonés e con Georgie Best. Alcancei a maioría de idade con Franz Beckenbauer e con Johan Cruyff. Pero se algún nome representou -e representa- de veras ese fútbol que veño de evocar, ese non pode ser outro que o de Diego Armando Maradona. Nacido nunha “villa”, cunha zurda forxada nun “potrero”, falamos e escribimos de alguén -como acerta Roberto Saviano- a amosar os vicios, os contraluces, a desmesura dun deus greco-latino: uns pecados, unhas desordes, ao cabo, que nolo trasladan tan próximo, tan humano, tan a brillar arreo. Maradona era do Nápoles e era do Boca Juniors e da selección albiceleste. Pero a súa memoria, o seu fútbol será para sempre de todos nós.

Compartir el artículo

stats