Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Cara un Maradona etimolóxico

Nesta páxinas mesmas, Salvador Rodríguez referíase ás raíces galegas do futbolista Maradona. Eu andei a pescudar no aspecto onomástico deste asunto. Cheguei á conclusión de que o apelido Maradona pode ser galego de torga, aínda que non se deban desconsiderar outras raigañas e outras coincidencias. No ano 2007 eran de apelido Maradona 35 persoas galegas. Todas habitaban os termos municipais de Lourenzá, Barreiros, Rivadeo, Trabada e Foz. Naquela contorna situamos o Vaterland ou patria primordial dos apelidados Maradona. Na antiga provincia de Mondoñedo. Suspeitei que Maradona proviría do nome dun lugar que pasou a funcionar como apelido. Pero ao consultar o Nomenclátor de Galicia comprobei que non había Maradona ningún que figurase alí. Axiña atopei Maradona, sen embargo, como lugar do concello de Ribadeo, no Diccionario de Madoz e máis na Geografía de Carreras i Candi. Era chegada a hora de averiguar a etimoloxía de Maradona. Pensei que nas súas orixes se encontraba unha muller poderosa que, na Idade Media, lle transmitira o seu nome ás terras que posuía e máis aos sus familiares, criados, servos e así. Pensei nunha posesora, seguramente estando eu mediatizado pola semellanza formal que se dá entre os nomes de Maradona e de Mumadona Díaz. Esta segunda, curmá de San Rosendo, foi a persoa máis rica da Galicia Sul no século X. Eu imaxinei Maradona coma un dobrete de Mumadona a escala menor e no Norte da Gallaecia rudesíndica non lonxe do asentamento neocéltico de Britonia. De Mama Donna (“Nai Señora”) derivaría Mumadona e de Matre Donna tamén (“Nai Señora”) faríao Maradona. De Mumadona Díaz sabemos documentalmente moito. De Maradona ignorámolo todo. E, por se fose pouco, unha outra hipótese etimolóxica trata de persuadirnos de que Maradona pode proceder dunha forma Maura Donna (“Moura Señora”): sabida é a fascinación que en séculos medievais exerceu a cultura andalusí sobre os reinos do norte hispánico. E aínda hai quen ve, razoabelmente, en Maradona o vestixio toponímico dunha deusa galaica da Idade Antiga. Enfín, os apelidos que nos distinguen son tamén espellos da Historia. Perderon, iso sí, grande parte do seu azougue.

Compartir el artículo

stats