Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Zona a defender

Hai trinta e un invernos que Manuel Rivas presentou Galicia, el bonsai atlántico, o seu primeiro libro literario de non ficción. Partindo da metáfora da arboriña, á que se lle impide medrar, o xove xornalista coruñés retrataba o afundimento da nosa sociedade agraria ao tempo que paradoxalmente agromaban nesta Fisterra algunhas experiencias culturais e empresariais entón na vangarda. Un libro alboral no que o xornalista coruñés xa utilizaba un estilo poético para tecer unha escrita moi sensorial, tanto polo seu carácter sinestésico e retranqueiro, na que procuraba retorcer e estrullar cada unha das palabras como mellor xeito de afondar na súa ollada de gran angular sobre aquela Galicia, entón aínda esperanzada polas posibilidades do seu autogoberno, anterior á ocupación do fraguismo autonomista. Levedada dende entón nunha ducia de libros, algúns memorables como Toxos e flores (1992), Galicia. Galicia (1999) ou Episodios galegos (2009), Rivas culmina agora esta escrita política con Zona a defender. A esperanza indócil (Xerais 2020), probablemente, o libro máis importante do esteo da súa obra xornalística ensaística, síntese da súa característica escrita ás ceibas e da ollada de arcea sobre o horizonte.

Tras Contra todo isto (Xerais 2018), un libro manifesto no que denuncia a descivilización, o avance do conformismo e da indiferenza parello ao das desigualdades e ao incremento do odio ao diferente, en Zona a defender, Rivas ofrece outro libro manifesto, aínda que de espírito máis propositivo e de pulsión máis poética, no que a desesperación provocada polo mayday contemporáneo, a alerta de emerxencia inminente, transfórmase en esperanza indócil, en capacidade de defensa dos espazos e dos colectivos máis vulnerables. Rivas convoca a participar na revolución de procurar unha sociedade decente (Saint-Exupéry), onde a honestidade (Orwell), o decoro (Valle-Inclán), a honra e a dignidade sexan prácticas comúns, onde se recupere e libere o sentido das palabras e o acento da verdade, na que se proxecte a memoria no campo do futuro, onde a solidariedade sexa o fío secreto do acordo entre xeracións e a produción de odio sexa contrarrestada pola política dos afectos. Rivas ofrece unha estratexia para participar nesta inequívoca revolución contente, a de preservar Zonas a defender (ZAD), unha denominación que se estendeu en Francia para conservar espazos vulnerables que non poden ser profanados e deben ser conservados a toda costa.

Organizados como unha psicoxeografía de catro ventos, estes textos xornalísticos de Rivas escritos coa pulsión poética da verdade e da ollada limpa de medo ofrécense tamén como unha colección de mapas capaces de orientarnos para circular (ou tratar de entender en profundidade) nesta era Mayday de máxima urxencia. Agravado pola emerxencia da pandemia do Covid19, xa identificabamos o colapso na liña dun horizonte enfermo (Manuel Antonio) pola doenza irreversible do planeta, que na súa globalidade constitúe a primeira Zona a defender. Para Rivas, como xa desenvolvera tamén en Contra todo isto, no ecocidio provocado polo quecemento global, termo máis axeitado ao do eufemismo de cambio climático, está a cerna do colapso contemporáneo. Unha mecha que se debe cortar antes de que a faísca alcance a dinamita (Benjamin) para o que cómpre un novo contrato da sociedade coa natureza baseado nas ideas de decrecemento, des-extinción e relocalización cosmopolita como alicerces dunha estratexia do local universal. Calquera loita local deste tipo é imprescindible para esta estratexia universal, na que por ventura virá xente nómade cun país portátil na maleta e identidades compartidas.

Neste desafío excepcional que afrontamos, Rivas identifica dende un pesimismo rebelde que vai da man da esperanza indócil outras Zonas a defender. A do xornalismo como un activismo democrático que non renuncia a utilizar a sonda de profundidade para chegar a causa das cousas. A da cultura como creadora de almeiros, espazos igualitarios limpos de medo. A do feminismo que emancipe as mulleres e libere aos homes do “histerismo masculino”. A da cidade como creadora de espazos de diversidade e memoria, onde se anove o urbanismo como parte da natureza. A do activismo da liberdade, a da loita contra a corrupción, a da república de iguais, a da tolerancia contraria, a do humor como única arma contra os negacionismo...

A aparición desta Zona a defender anticipouse á chegada das vacinas como unha lectura de emerxencia contra o virus do medo e do conformismo das que dormen coa conciencia tranquila. Activemos as Zonas a defender. Comprometámonos coa esperanza indócil. Un libro extraordinario, necesario, fermoso, un gran Rivas. Corran a libraría a procuralo!

bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats