Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Capuletos e Pantojas

Dúas familias enfrontadas á morte. Un mozo e mais unha moza –fillo e filla, respectivamente, dos patriarcas de ambas as estirpes– que namoran perdidamente o un da outra, a outra do un. Unha historia de amor prohibido que se desenvolve, daquela, no medio e medio da hostilidade e da incomprensión, e que vén concluír, de xeito irremediable, nun tráxico final... Certamente, se algún, determinado, director de cine español se ocupase de semellante relato, a rapariga ben podería transformarse en transexual, e o seu noivo en escort de luxo, mentres os proxenitores –ao borde dun ataque de nervios– se contorsionan, entre espasmos lisérxicos e/ou da man de litros de auga de Valencia, nunha discoteca para a terceira idade.Con Rosalía ao fondo, versionando “Ojos verdes” –ou, que sei eu, “Suspiros de España” ou “La bien pagá”–, sen dúbida teríamos unha perfecta candidata para os oscar.

Agora ben; se quen se ocupa da temática é Tele 5 –desde logo, con J.J. Váquez sempre como mea domina do asunto–, cabe agardar aínda uns cantos retoques máis. Por exemplo: os membros das dúas familias entrarían, todos e todas xuntos e revoltas, en “la casa fuerte” e alí poderían dirimir as súas liortas mil durante vinte e catro horas sobre vinte e catro para alborozo de seareiros incombustibles. Ao tempo, a matriarca dos Montescos e mais o patriarca dos Capuletos deberían trasladarse a terras de Honduras, saltaren ao mar desde un helicóptero e demostraren alí, entres as calores e mais o bicherío dunha illa tropical ad hoc, as súas cualidades para a supervivencia e a neurose maníco-depresiva -as respectivas parellas discutirían, entre tanto, desde o plató central como vai/deixa de ir a cousa. Canto a Xulieta e a Romeo, o reto pasaría por entraren, da súa parte, nesoutra “isla de las tentaciones” e demostraren, xa que logo, se o seu amor se mantén incólume ou, polo contrario, perece vítima dos encantos dos diferentes lagartos e lagartas que poboan aquel sempre moi sensual territorio. En fin, Pedro, Sansón, frei Lourenzo..., lacaios, amas de chaves, figurantes variados... tamén contarían coa súa oportunidade en “Sálvame” laranxa, limón, framboesa, pexego, banana... ou piña colada.

Non obstante, e dito/escrito todo o anterior, coido ben que vai sendo moita hora de tirarmos de enriba os prexuízos e enxergar con ollos lúcidos, mente aberta e doses de moita serenidade de espírito a senlleira ocasión que se presenta.

Capuletos e Montescos; Montoyas e Tarantos; Izquierdos e Cabanillas; Cuneos/Barzinis/Straccis/Tattaglias e Corleones; Hatfields e McCoys, xa postos en plan gringo: velaí, produto da realidade e/ou da ficción, todo un ronsel de amores, desamores, encontros, dificultades, desavinzas, sexo, vodas de sangue, afán de poder, corrupción, mentiras, ensoñacións...; isto é, aquilo do que se veñen nutrindo tantas e tantas pezas da literatura, o cinema, o teatro..., todas as artes, en xeral. E é que se nunca un William Shakespeare, un Francis Ford Coppola, un William Faulkner, un Lev Tolstoi..., tamén hai demasiado tempo que nin Calderón de la Barca, Federico García Lorca ou Ramón María del Valle-Inclán contan onde nós. E por non contar, nin sequera contamos xa con Luis García Berlanga ou cun José Luis Cuerda para tirarlle cumprido partido surrealista á surrealista situación. Pero, vaia: compañeiros poetas, camaradas do cinema, e tomando en conta os últimos sucesos da poesía –parafraseando a Silvio Rodríguez–, eu quixera non desesperar no propósito. Porque, ao meu ver, e expresado vaia con todo o respecto para os guionistas, presentadores, directores, colaboradores, rondallas, tunas, estudiantinas, mariachis... da cousa do corazón televisivo e do papel couché, as diferenzas entre Riveras e Pantojas, dun lado; esoutras edípico-shakesperianas (como non considerar, sequera un momento, a relación entre o rei Claudio e mais tito Agustín?; como non ponderar esoutra entre a fantasma do rei Hamlet e o toureiro de Barbate?) no propio clan Pantojil si que deberían fornecer as musas dos nosos máis afamados artistas e literatos: “Marinero de luces, con alma de fuego/y espalda morena/ se quedo tu velero perdido en los mares/varado en la arena”; “Serás para siempre la playa de todos mis sueños,/serás para siempre el latido de mi corazón (...) mi pequeño del alma/con tu piel de canela”. Decididamente, si que algo cheira en Elsinor/Cantora.

Vale, OK,.McKey. Talvez demasiado, non? Desde logo, tal semella que Lope de Vega si que lle daba a algo máis que á gaseosa.

Compartir el artículo

stats