Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O segundo sexo: Simone de Beauvoir

Coincidindo co 70 aniversario da publicación de “O segundo sexo”, de Simone de Beauvoir (1908-1986), Pertenza, en colaboración co Club Faro de Vigo, organizou en xaneiro de 2019 unha Mesa Redonda, sobre o feminismo. Pasados vinte e dous meses e coa pandemia do COVID-19, sempre presente, non é a nosa intención deixar de lado este tema e por suposto o dunha muller como S. de Beauvoir feminista, militante contra o colonialismo en Arxelía e a guerra do Vietnam, atea, existencialista, marxista, colaboradora na revista Les temps modernes, dirixida por J. P. Sartre, e participante en maio do 68. Como profesora, escritora e filosofa, é a autora dun libro sempre actual como foi e sigue sendo “O segundo sexo”. A súa autora, representa a unha das figuras mais recoñecidas e salientables na loita pola igualdade da muller no s. XX.

O libro de S. de Beauvoir foi obxecto de fortes debates literarios e filosóficos para converterse ao pouco tempo no marco teórico esencial de cara as reflexións das fundadoras do movemento feminista. Por exemplo o capitulo dedicado á maternidade e ao aborto ocasionara no seu momento un escándalo maiúsculo.

A muller, en palabras de S. de Beauvoir, “seria unha construción cultural, ao longo da historia definida na relación cos homes como nai, esposa, filla ou irmá”, polo que a tarefa principal era reconquistar a súa propia identidade especifica desde os seus propios criterios. Non é a xenética -para a autora- a causante das características que identifican ás mulleres, senón de como foron educadas e socializadas, “non se nace muller, chegase a selo”.

“O segundo sexo” é estudado pola súa autora desde un punto de vista científico, apoiándose en investigacións importantes da época e, sobre todo, na dos psicanalistas mais destacados e influentes nese momento. Mais nun principio S. de Beauvoir non recibiu o apoio das asociacións feministas, concentradas fundamentalmente na igualdade social entre homes e mulleres, o dereito da contracepción e a valoración do estatuto da nai no seo da familia. Non se escoitaban relatos sobre a vaxina, o orgasmo, o clítoris ou a masturbación, e non digamos sobre o feito de que as mulleres foran homosexuais, reivindicaran o aborto, rexeitaran o matrimonio ou se negaran a procrear. Foi acusada de frixida, ninfómana e lesbiana. Sartre e máis ela foran tachados de inmorais e corruptores da xuventude. Ela, que non era freudiana, recibiu insultos parecidos aos de Freud pola súa obra innovadora arredor da sexualidade infantil, na que cualificaba aos nenos como “perversos polimorfos”.

“O segundo sexo”, non só foi, sen dúbida, a obra máis coherente que abordou a sexualidade feminina na súa totalidade senón tamén unha innovación teórica i especifica da propia historia do movemento psicanalítico, onde se cita a tódolos grandes. S. Freud, A. Adler, E. Jones, C. G. Jung, H. Deutsch, K. Horney, K. Abraham, J. Lacan e outros. Unha obra atravesada pola teoría psicanalítica, unha sorte de psicanálise feito muller.

*Psiquiatra e Psicanalista. Membro da Asociación Cultural Pertenza

Compartir el artículo

stats