Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Bomboneira en pedra

Gostar, eu gostaría de que a sentencia ditada sobre a propiedade das Torres de Meirás fose outra. Para min, o acto de doazón e aceptación do dominio por parte de Franco debeu ser calificado como constitutivo dun delito de “cohecho”, ou sexa, suborno. O que levaría á desposesión dos herdeiros do Caudillo, usurpadores da propiedade, mediante un degredo de incautación fulminante. Se así se fixese, a natureza corrupta do réxime feixista español cuxa cabeza era Franco resultaría evidente.

Non foi así, e benvido sexa o fallo que obriga a descendencia do autócrata a alixeirar unha parte do botín de guerra. Á espera de noticias sobre esoutra casa de Cornide, tamén detentada pola familia Franco, enxerguemos un aspecto pantástico da cuestión. Dise que tan axiña coma as Torres de Meirás estean nas mans da Xunta, o PP porá alí un museo dedicado a memoria de Emilia Pardo Bazán. Eu sosteño que en Meirás hai memorias gaseosas que poden rebelarse en forma de pantasma, ou sexa, sombras e recordacións por ventura antipáticas. Entre os ectoplasmas cuxa emanación a Xunta provocará nas Torres co seu discurso museístico está a figura distinxida da artista romántica Amalia Rúa Figueroa, nai de Emilia.

Esta Amalia, coma pantasma, irá vestida con brial do medievo seguindo as regras espíritas que estableceu para os espectros Allan Kardec. Ela, en esprito, está pintando ruinas oxivais nun cabalete horribelmente distorsionado. Para Carlos Martínez Barbeito, Amalia foi a principal responsábel da macedonia de gostos e colección de curiosidades heteroxénas que se despregan nos muros das Torres de que tratamos, o que fai delas unha colosal bomboneira de pedra.

A pantasma de Franco choutará, nas visitas guiadas, á menor alusión do cicerone. Ao serlle regaladas as Torres ao Caudillo, o predio converteuse en atributo prestixiante do seu poder xunto coa pucha-visera de yachtsman, e mailo propio iate Azor. O microburgués reximental procedente dun certo Ferrol sen aldea, estampillouse a si mesmo en Meirás de señorito da terra e pasou a formar, imaxinariamente, parte da Galicia literaria dos pazos.

Por todo o cal, a pantasma ovoide e mínima de Franco paira sobre os tellados adecuándose ao prototipo obsesivo de Marc Chagall. Secomasí, Franco espiritado botará a pata por baixo de todas as portas da mansión de que tratamos se non se corrixen as presentes intencións do PP. Vese unha Xunta disposta a nos explicar o tema Pardo Bazán en canto se faga cargo de Meirás.

Poñamos que a pantasma de Emilia circula polas estancias e xardíns. Ela leva a cara pintada de amarelo pois Curros a puxera no vagón da envexa do Sainete. A aparecida suxeita un simio estrambótico cunha correa. O cuadrumano ten a cara de Darwin, o que recorda a etiqueta de Anís del Mono. Esta pantasma é emblema do que Emilia escribía contra o evolucionismo en vida.

Espectros, estes, que só poderán exorcizarse en caso de se instalar nas Torres algunha institución pública antagónica do que alí habitou nos tempos dos Pardo Bazán e nos seguintes dos Franco. Unha das Torres de Meirás chámase Quimera.

Compartir el artículo

stats