Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Vacinas con leite

“Trastornos no sistema nervioso central”–de carácter frecuente: fatiga ou somnolencia, dor de cabeza e mareos ou sensación de inestabilidade”–; “trastornos do sangue”; “trastornos do estómago e intestino” –moi frecuentes: indixestión, náuseas, vómitos, dor abdominal–; “trastornos cardiovasculares” –con acumulación de líquido nos brazos ou nas pernas– “trastornos do ril”, “trastornos do fígado” e aínda “outros” -velaí: aumento das inflamacións durante procesos infecciosos–. O parte de guerra da peste bubónica ou, xa postos, do xarampelo malaio ou, acaso, do tifus múltiple groenlandés? Pois non señor, nada diso: apenas a listaxe de “posibles efectos secundarios” que figura no prospecto dun medicamento tan común e habitual como vén ser o Iboprufeno.

“Infección do tracto respiratorio superior; dor de nariz e gorxa; infección do tracto urinario; mareos; percepción dos latexos do corazón; calambres; inchazón das articulacións; debilidade; cansazo; valores anormais das probas de laboratorio; alteracións visuais; tose; ardor de estómago; dor nas costas”... Estamos a falar, se cadra, das consecuencias do cólera, da virola paraguaia ou da superamigdalite indonesia? Pois, outra vez, nada de diso, meus e miñas. Tan só a relación dos “posibles efectos adversos” dun moi coñecido medicamento anti-hipertensivo (e, para aviso de navegantes, este modesto cronista vén utilizando dita medicación desde hai cousa de trinta anos; podo asegurarlles que ata a data presente nunca perdín o apetito).

Nin que dicir ten, imaxino que todos os, sempre moi amables, lectores destas liñas semanais coñecen dabondo a noticia –e mais as contra-noticias– referidas á aparición das vacinas creadas por Pfizer/ BionTech e Moderna. En efecto, se ben que unha parte moi considerable dos científicos especialistas –e aínda das boas xentes do común– amosaron, e amosan, a súa alegría polo que semella a luz que xorde no final deste longo e escuro túnel no que estamos atrapados, velaí que outro certo número de concidadáns vén revirar o queixo, a boca e mais as fazulas en sinal de escepticismo cando non de aberto rexeitamento. E non se trata aínda de seguidores de Miguel Bosé e compañía mais tamén de determinados especialistas –certamente, xamais sospeitara, cándido que son, que contásemos cunha tan numerosa pleiade de epidemiólogos, virólogos... tan próximos de nós; iso si: onde estaban os tales cando a pandemia deu comezo?–, capaces de enmendarlle a plana a calquera candidato ao Nobel que ande ceibo polo mundo adiante. En fin -e como doutra parte cabía ben agardar, estamos onde estamos: “España constitúe a esaxeración de Europa”, Cesare Marchi dixit-, tal e como o propio Lope afirmara dalgunha das súas pezas, “en horas vinte e catro” pasamos das musas ao teatro; do ceo ao infinito; do paraíso ás portas do inferno; da euforía desatada á máis cruel -á vez que estéril- das desconfianzas.

Ah!, que resulta que Vde. non toma nunca iboprufeno e que para a hipertensión soamente admite “remedios naturais”? Pois paréceme moi requetebén, guay del Paraguay, moderno total, de fruta madre materna. Agora ben; o problema está en que esta “merenda” que nos aflixe non se detén en Vde. Nin tampouco en min. En realidade, non se para en ninguén. Polo contrario, a “merenda” ten un carácter decididamente contaxioso; por iso conforma un andazo, unha pandemia. Ou o que vén resultar o mesmo: non nace e morre en Vde., meu/miña. De feito, pode pasar perfectamente onde os seus familiares, onde os seus amigos, onde os seus coñecidos...., pero asemade onde a miña familia, onde as miñas amizades... onde eu mesmo. E, naturalmente, até aí si que poderíamos chegar.Liberdade de vacinación, dixo? A ver: de que liberdade estamos a falar cando falamos de (certa) liberdade?

Iso si; os seres humanos somos como somos– vale; si que hai unha minoría divina (e outra moi maligna, mecachis!): é dicir, uns moi auténticos fillos e fillas de Mr. Charles Darwin. O que traducido para España, prazas de sobernía e Perejil adxuntos vén significar que se dez españolitos/as acoden a un centro de vacinas, a situación ben pode devir como xa segue: “a min, póñama descafeinada, por favor”; “a min que sexa con sacarina”; “a min con leite desnatado”; “a min cortada”; “a min...” En fin; incluso cabe a posibilidade que algún, ou algunha, valente se atreva a pedila “soa e sen azúcar”. Dez concidadáns, entón, a pediren once vacinas diferentes? Todo é posible en Granada, como na película, pero tamén en Sabadell, en Donostia, en Aranda del Duero ou en Becerreá. Mais xexa como fose e en todo caso, oxalá que os remedios xa non demoren moito, por favor! Amén.

Compartir el artículo

stats