El vendía xornais na Porta Faxeira, Santiago. Todos o nomeaban co seu apelido: Ferrín. Procedía de Couso, Campo Lameiro. Pedreiro de oficio, un día a dinamita privouno dunha perna. Fora membro da Unión Socialista Galega que, en Monforte, se escindira do PSOE pola esquerda e polo nacionalismo.

Seguiu un home de corazón grande e intelixencia solar que era Xohán Xesús González. Este terminou os seus días fusilado por franquistas rabeosos. O Ferrín e con el Ramón Esturao, Maximino Castiñeiras ou Borobó, nunca eaquecería a persoa martirizada de Xoán Xesús González. O Ferrín salvou a vida, e o concello permitiulle a venda de periódicos na Porta Faxeira.

O 23 de novembro de 1963, Juan Feáns e mais eu fomos botar unhas parolas co Ferrín ao tempo que lle comprabamos os xornais. Era aquela a mañá seguinte ao día en que asasinaron a J.F. Kennedy. “Un menos!” –díxonos desafiante o Ferrín mentres nos expendía os papeis–. Feáns era socialista e eu nacionalista en proceso de transición ao marxismo. Os dous rimos con nervosismo porque nos pareceu unha reación desmesurada aquela do Ferrín.

As esquerdas dos países capitalistas simpatizaban con Kennedy pola súa política en favor da integración racial e contra a mafia. Kennedy fora o primeiro presidente dos EE UU de orixe irlandesa, o cal alegraba o espírito dos patriotas galegos. Porparte, aquel presidente tomara posesión cun brillante discurso e el vestido de chaqué con chapeu “haut-de-forme” na cabeza para amosarse en estampa recordatoria do Lincoln que fora cantado por Walt Whitman e por Pablo Neruda. Nunca se soubo nada certo do complot que mando executar Kennedy. A esquerda do mundo capitalista entraría noutra lóxica a respecto de Kennedy. Fomos reparando en que este nunca dera aceptado a proposta de coexistencia pacífica que lle oferecía “en salva de ouro”, como diría Rodrigues Lapa, a URSS de Khruxchev. O presidente norteamericano perpetrou contra Cuba a invasión de Bahía Cochinos. E foi collendo corpo a lembranza dos primeiros militares norteamericanos enviados alí, precisamente, por Kennedy.

Pasando décadas coma area, resultou elexido presidente dos USSA un Biden do mesmo partido ca Kennedy e, coma el, de orixe irlandesa. Este derrotou un brutamante burgués sen modais nen cultura xeral. Eu vexo hoxe moita esquerda, e media esquerda, feliz por este resultado electoral. E penso que, aos progresistas do mundo, deberíalle preocupar a repercusión nos máis da gañancia de Biden. Creará o novo presidente unha auténtica seguridade social no seu país? Non o creo. Concederálle a independencia á colonia de Puerto Rico? Antes choverá para arriba. Sacará as mans imperialistas de Cuba, Venezuela, Nicaragua, Bolivia? Non dou imaxinado tal.

Neste intre, Rusia, aliada con China, propician un planeta no que o imperialismo non ten outra alternativa que deixar de ser. Se Biden é capaz de incluír o seu país nun futuro multilateral e pacífico é cousa que se verá nese mesmo futuro. Agora eu, ollo para un pasado onde habitan as sombras de Kennedy, Feáns e o Ferrín da Porta Faxeira.