“A xeira das vacinas nunha república imperial?”, retrucarán, acaso, máis de dous e mais de douscentos escépticos. “De veras que había tanta diferenza entre os dous candidatos ao Despacho Oval?”. Verán, Vdes., miñas e meus; quixera que me desen licenza para relatarlles unha pequena anécdota persoal.
Hai xa algo máis de trinta anos, este modesto cronista tivo a honra e mais a fortuna de poder entrevistar en Xenebra -daquela el viña ser o representante da Arxentina diante dos organismos internacionais de Dereitos Humanos- ao avogado Julio J. Strassera, quen tres anos atás actuara como fiscal no xuízo celebrado contra as Xuntas Militares, responsables dos crimes perpetrados no país austral entre 1976-1983. Tratouse, certamente e polo menos para min, dunha memorable conversa que non me esquece. A certa altura da mesma, eu apunteille ao Sr. Strassera que acreditar na democracia en Suíza, ou en lugares parecidos, case resultaba/resulta algo natural, dadas as condicións socio-ecómico-culturais presentes neles. Agora ben; viña soster sempre D. Julio dita perspectiva en determinadas partes do mundo? De contado, o meu interlocutor deume precisa resposta: “Sen dúbida, é certo o que Vde. anota; hai ocasións nas que, a simple vista e segundo en que conxunturas, non parecen moi doados os xeitos democráticos. Non obstante, e no caso concreto do meu país, Arxentina, aconteceu que non faltaron xentes de ideoloxías de esquerda que, nunha xeira dada, foron petar nas portas dos milicos, pedindo axuda para impoñeren o seu credo. Evidentemente, os tales non se decataran de que os seus contrarios, moito máis rápidos e efectivos, con mellores recursos ca eles, xa había tempo dabondo que foran intoxicar eses mesmos cuarteis. E deuse o caso, entón, de que os milicos decidiron un bo día que, xa postos na tarefa, mellor lles resultaba ocuparen eles mesmos a Casa Rosada e clausurar os poderes civís; nin falta fai que lle lembre a Vde. as consecuencias de semellante proceso. Daquela, cando alguén me explica que el non acredita na democracia formal –na “democracia burguesa”, como algúns lle din-– eu sempre lle replico isto mesmo: malia todas as súas eivas, a pesar dos múltiples defectos... acontece que, en demasiadas oportunidades, a diferenza entre esa democracia formal e mais a súa ausencia, iso vén resultar xustamente esoutra que se produce entre a vida e a morte. Polo demais, a democracia ten de funcionar como aquilo que afirmaban da muller do césar: alén de ser boa de veras, ha de aparentalo. E xa sei que ao autor lle gustaba xogar coa ironía, mostrarse cáustico... pero lembre Vde. o título daquela célebre obra: “A importancia de chamarse Ernesto.”
Desde logo, coido ben que todos Vdes. coñecen o xogo de palabras: “earnest” (“honesto”, “formal”) vén pronunciarse en inglés do mesmo xeito que “Ernest”, o nome do irmán imaxinario de Jack Whorting, protagonista da “comedia frívola para xente seria” que escribira Oscar Wilde. Pois ben; máis aló das brincadeiras e dos sarcasmos, si que nunha república imperial, como a que nos comanda nesta parte do planeta, devén fundamental a importancia de chamarse –ou, de acordo coa correcta tradución da peza de Wilde, “de ser”– Honesto. Porque non; nunca deron o mesmo Calígula que Marco Aurelio; Traxano que Nerón. Xa que logo, vale: non se trata, precisamente, do candidato perfecto; porén, na difícil hora presente, o triunfo de Jose Biden si que vén significar outra volta a importancia de chamarse (de “ser”) Democracia.