Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Homenaxe a Manuel José Quintana

Os octoxenarios de hoxe somos superviventes. Fóronnos morrendo familiares e amigos víctimas de males que, tempo despois, terían curación ou poderían ser coutados mediante vacinas. Os nosos pais coñeceron, moi novos, a influenza ou gripe mortal. A xente maior ca nós viviu na mocedade co temor á tise e ás doenzas venéreas. Os músicos e cantores ambulantes da nosa infancia soían ser cegos e amosar a faciana picada das vexigas ou sexa a variola. Na cidade de Ourense, na que fun nado e me criei, o tifo (“os tifos”, diciamos) era endémico. Considerábase que os tifos eran transmitidos pola auga do “canal”, que é como lle chamaba o pobo á que abroiaba polas billas domésticas. Tal era o medo acontraer os tifos que os ourensans con posibilidades económicas bebían moito sifón en tanto que a maioría consumía auga da Burga enfriada, a cal nin sabía nin cheiraba ben alén de ter a propiedade negativa de cortar o xabón.

Por outra parte, os piollos, as ladillas ou piollos patos, os chinches ou percevexas, as pulgas e os carrachos ocasionais mortificaban as persoas. Os labregos sofrían pragas que se cebaban nos seus cultivos e mormos que atacaban o seu gado, habenza e aves. E veleiquí que das doenzas infecciosas fatais nos liberaron con rapidez, nos anos cuarenta do século pasado, as sulfamidas; e, logo, a penicilina. Alexander Fleming, a quen o mundo lle rendeu mil homenaxes de gratitude, abríndolle as portas aos antibióticos, volveu cargar, contra as infeccións, chegando máis lonxe aínda ca as sulfamidas. O terror á tuberculose, á neumonía, á gonorrea, á sífile, que eran ancestrais, foise perdendo. Mesmamente conseguiuse vencer a lepra mítica.

Os laboratorios Zeltia do Porriño comercializaron DDT como ZZ, grazas a contaren cun equipo de cientificos republicanos. Así se combateron as pragas agrícolas para ben da aldea galega. O ZZ tamén puxo en fuga os parásitos do corpo humano cuxa bioloxía explicou, en moitos cursos académicos da facultade de medicina compostelana o entomólogo Luis Iglesias.

E así a humanidade foi chegando a un punto en que case todos os males tiñan tratamento e cura. Vellos, pois, somos os que sobrevivimos a un tempo no que “o toque a anxeliño” era diario repenique nos campanarios de Galicia e a mortandade infantil azoutaba o Planeta. Todo o cal debe suscitar optimismo e esperanza. Confiamos en que a vis filantrópica e entusiasta da ciencia que animaba a Quintana, nos albores da Idade Contemporánea, a proferir aquela súa oda á vacina se reproduza con novas fórmulas de poesía e pensamento. E que cen flores se abran.

Compartir el artículo

stats