Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Media centuria en órbita

Felicitamos á revista ‘Planet.The Welsh Internationalist’ polos seus primeiros 50 anos de vida. Fundada en 1970 por Ned Thomas, a publicación foi dirixida, nun réxime de mellora constante, por John Barnie, Helle Michesen e Emily Trahair quen hoxe leva o leme da publicación. Gales é unha das nacións celtas cuxos nomes se citaban didacticamente no himno dos Ultreyas galegos. En Gales (Cymru) e máis na Bretaña armoricana viven as únicas persoas que manteñen linguas procedentes do antiguo britónico celta. Gales creou unha cultura nacional e resistiu a asimilación, o que converte ao galés nunha lingua forte aínda que en réxime de bilinguismo desigual respecto do inglés. ‘Planet’ é de expresión inglesa aínda que o seu corazón e o seu punto de vista racional sexa galés. Se na Idade Media Gales foi capaz de constituirse como reino, a dependencia de Inglaterra foi enfeblecendo a súa consciencia diferencial. Amplos continxentes de traballadores extranxeiros modificaron na Idade Contemporánea a composición tradicional do país aínda que aportaron valores sociais e de clase. Logo o tatcherismo levou á confusión, á desorganización e á parquedade ao tempo que se anovaba a cultura e se reactivaba a vivencia de Gales como nación. ‘Planet’ representa moi ben a imaxe dun Gales en estado de transformación social e aberto á multiculturalidade.

En ‘Planet’ analízase e enxérgase o planeta e as súas múltiples sociedades. Desde a guerra fría e as posibilidades dunha sociedade pospandémica, pasando polo terrorismo social do neoliberalismo e as posibilidades e dificultades dunha autonomía política, ou dunha “devolution”, para Gales, Planet ven constituíndo un espello do país propio e das mudanzas das nacións nunha travesía de cincuenta anos. A arte e un deseño gráfico orixinal serviron de canle axeitada ás palabras. Planet en canto editora de libros, reparou en Galicia e sacou á luz, como Things, as Cousas de Castelao nunha tradución óptima de John Rutherford e a súa escola galeguista de Oxford. Outros libros galegos tamén foron publicados por Planet, razón pola cal debemos amosarnos moi agradecidos nesta hora na que a revista cumpre cincuenta anos.

Compartir el artículo

stats