Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Booth nos soños e na Historia

Sendo eu moi novo coñecín Ronan Kergastel. El era piloto das lanchas de servizo á rede dos faros, boias, farois e semáforos da costa do Finistère armoricano. Este bretón pertencera ao continxente nacionalista que actuou na resistencia francesa contra a ocupación nazi. Ronan tiña contactos con irlandeses comunistas e do Sinn Féin que formaron parte do batallón Connolly das Brigadas Internacionais na guerra de España. Ronan Kergastel equidistou do FLB e a UDB nos derradeiros anos da súa vida. Cando mantiña correspondencia comigo, Ronan Kergastel mandábame a Compostela documentación que me resultou un mundo de proveito.

Entre outras cousas remesoume datos biográficos de Constance Gore-Booth, de quen tratei eiquí mesmo. Grazas a Ronan, eu compuxen unha galería iconográfica desta muller da esquerda nacionalista irlandesa, que foi “commander” do ICA e IRA.

Nunha foto, a que saiu no ‘Irish Times’ en 1916 cando a condenaron a morte os ingleses, miramos o rostro dela de perfil sobre “alto cuello de garza”, como dicía o Arcipreste de Hita. Vai alá de duquesa Makievicz, co cabelo recollido, e exhibe profusión de colares no escote Imperio. Logo andou entre os meus papeis, en fotocopia, un deseño de Constance feito por W.B.Yeats, quen, sendo angloirlandés, loitou pola República independente do Eire.

Finalmente, estou a ver o retrato de Constance Gore-Booth en uniforme (non marcado por referencia feminina) de comandante das forzas revolucionarias. Acórdanseme, entón, as famosas doncelas armadas que cruzan, irreais, polo labirinto do Orlando Furioso. E venme á memoria a figura magra, coma a de Constance, da guerrilleira galega Enriqueta Otero. Nun meu conto, de título “Grieih” (en Percival e outras historias, 1958), eu imitaba inxenuamente ‘The Jungle Book’ de Kipling. E alí puxen un forte escaravello nasicornio de nome Booth. Ou sexa: unha parte do apelido de Constance Gore-Booth.

Algunhas veces pregúntanme polo sentido de certos nomes non galegos nin extraídos de onomásticas coñecidas que gastan determinados personaxes meus, especialmente os presentes en narracións que me saíron da imaxinación en días xuvenís. Este escaravello chámase Booth debido a que Ronan Kergastel me impresionou con documentos políticos relativos á heroína republicana Contance Gore-Booth. O meu Booth loitaba coas vacalouras a morte. E coido lembrar que habitaba o bosco Grothegunk, terra patria dos coleópteros maiores. Ou cousa así.

Compartir el artículo

stats