DTO ANUAL 27,99€/año

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

OS CAMIÑOS DA VIDA

Xosé Luis Méndez Ferrín

“Ricorditi di me”

No medio do camiño da vida do Dante Alighieri arrinca a bravísima potencia de La Divina Commedia. Son palabras herdadas do Dante as que inspiran, con Otero Pedrayo intermediario, o titular fixo desta nosa mínima columna. Sen Dante, Petrarca e Bocaccio non sería realizado e corcosido para sempre o país chamado Italia, ao que eles lle deron unha Lingua.

O Risorgimento italiano estivo sempre presente nas devocións políticas das xentes do noso Rexurdimento. Curros, no Divino Sainete, zorrégalle aos seus contrarios antigalegos e reaccionarios unha sátira xenial que é, en apariencia, caricatura da Divina Commedia do Dante. O sarcasmo de Curros é moi recomendado aos que acreditan no ánimo feminista e progresista da Pardo Bazán. Curros, nestes “tercetos de fuego”, máis ca se apoiar nos versos da Divina Commedia déixase guiar por un texto divertido e antivaticanista de Victor Hugo que hoxe non é do caso.

Moito despois, Álvaro Cunqueiro, italianista fervoroso, escribiu un belo poema no que se visita no “Purgatorio” unha gentildonna de Siena que, naquel círculo penoso, purga algún pecado. Trátase dunha homenaxe de Cunqueiro aos versos 129-135 do Canto V do “Purgatorio”. Don Álvaro exhibe o seu músculo poético achandador e deicida. Corríxelle, en italiano dereito os versos ao Dante. Coa man interventora de Cunqueiro, a estoria fica máis interesante ca na versión orixinal.

E logo veu Darío Xohán Cabana. Este foi ao Dante enteiro, igual que foi a Petrarca e aos trobadores. E construiu non unha tradución senon unha Divina Commedia paralela, tamén xenial e, naturalmente, en lingua galega.

Estes días escenifíca a sociedade Dante Alighieri, en Vigo, un ciclo de encontros sobre o grande poema dantesco. Polo que sei, a conmemoración do Dante en Vigo está a constituír un éxito, con participación de Vagalume Aventuras Teatrais (Maribel González Muñoz, Isolda Comesaña) ao que se une Darío Xohán Cabana en persoa. Este derradeiro, en posesión da medalla de ouro da cidade de Florencia pola versión galega do inmortal poema. “Ricorditi di me”, imploraba a infeliz Pía dei Tolomei. Ela sufrirá eternamente porque no “Purgatorio” de La Divina Commedia no que está presa ningunha ánima pode redimirse con indulxencias católicas. Por iso quizais se recordarán da Pía sempre todos os lectores do Florentino, todos os lectores do Mindoniense.

Compartir el artículo

stats