Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cen anos da publicación da revista NÓS

A música e os protagonistas

Un 30 de outubro de 1920 saía do prelo en Ourense o primeiro número da revista “NÓS: boletín mensual da cultura galega”. Nela escribiuse, entre outros asuntos, sobre a identidade galega, contribuíndo a modernización nos campos da historia, arqueoloxía, etnografía e pensamento político, explorando as ideas culturais que ían aparecendo en Europa e Hispanoamérica.

A presenza musical en NÓS non foi tratada cunha grande intensidade, aínda así expúxose a dicotomía entre o tradicional e o vangardista, incluíndo un camiño intermedio, no que puidesen convivir. No segundo número da revista, Xaime Quintanilla escribe “O nazonalismo musical galego” (1920), moi en consonancia co pensamento aperturista do propio Vicente Risco, que fora un dos maiores impulsores da publicación. O vigués Euxenio Montes publicaba “Estética da Muiñeira” en separata (1922), na que reflexiona sobre a música e a danza. Magariños Negreira “O nazonalismo de Chopín” (1926), na que fala da relación de música-identidade, tomando como modelo a música do polaco. Otero Pedrayo “Beethoven” (1927), onde se deixa ao compositor ao marxe da identidade. Filgueira Valverde “Sobre as cantigas de Martín Códax” (1931), no que pon de relevancia que a lírica medieval galego-portuguesa parte do popular.

Destacamos a Jesús Bal y Gay que escribe “O momento actual da música galega” (1929), onde avogaba por unha “música do porvir” que fose rexeneracionista. Bal publica en NÓS a partitura “Epifanía” (1932), cunha nota á edición: “O piano desenrola as suxerencias dos poemas. A voz, máis que cantar, recita…” ; cómpre ter en conta que na edición pon o subtítulo: “Sete pezas para canto e piano encol das verbas de Amado Carballo”, en lugar das seis que conformarían definitivamente a obra, baixo os títulos de “Égloga”, “Spleen”, “Noite”, “O que morreu no mar”, “Epifanía” e “Afogado”. Destas, “Noite” e “Epifanía” serían as únicas publicadas, a primeira nun número conmemorativo da revista lucense de artes, Ronsel.

Subliñar que Bal no 1925 comeza a colaborar co diario vigués El Pueblo Gallego, xornal fundado por Portela Valladares e auspiciado pola Liga de Defensores de Vigo. O 26 de abril aparece a súa primeira columna, na que verte a opinión sobre o compositor francés Maurice Ravel. Durante sete anos que colaborou no mesmo, escribe máis de 200 artigos.

Baixo a dirección de Risco destacar as colaboracións, entre outros, de Lameiro, Cabanillas, Losada, Pedrayo, Cuevillas, Casal, Carballo Calero, Blanco Amor, Rodríguez Elías, Bouza Brey, o portugués Teixeira de Pascoaes ou o francés Phileas Lebesgue. A publicación foi interrompida dende xullo de 1923 ata xuño de 1925 por mor da ditadura de Primo de Rivera, cesando no 1935. No 1970 un número conmemorativo do cincuentenario foi publicado pola Real Academia Galega.

No apartado gráfico Castelao inclúe na portada da publicación un gaiteiro e un intérprete de corno, como unha chiscadela ao musical e indentitario.

A revista NÓS deu voz a chamada xeración Nós e contribuíu a ser o que hoxe somos culturalmente. Neste senso, ata o 17 de xaneiro de 2021, pódese visitar na Cidade da Cultura a mostra “Galicia, de Nós a nós”, na que se expoñen máis de 300 pezas sobre dita xeración. “Saúde e terra”.

*Pianista e Doutor pola UPV. Membro da Asociación Cultural Pertenza

Compartir el artículo

stats