Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

TRIBUNA LIBRE

O xardín dos mortos

Cemiterio de San Francisco.

O xardín dos mortos

Con epicentro na cidade chinesa de Wuhan, o Covid-19 traspasou todo tipo de fronteiras e instalouse na Galicia rural. Sen entreverse solución algunha á crise sanitaria no curto prazo, a medida que avanzamos no calendario anual ímonos facendo máis conscientes da permeabilidade que mostran os diferentes ámbitos da vida ante as consecuencias da pandemia. Pois, se ben estas seguen afectando principal e directamente á forma de vida das persoas vivas, neste ano 2020 tamén están incidindo, de forma indirecta, nos nosos familiares defuntos.

Aínda que na Galicia rural o cemiterio é un lugar frecuentemente visitado polos familiares dos defuntos que alí descansan, o maior número de visitantes alcánzase anualmente no Día de Defuntos, data na que a Igrexa Católica e os seus fieis conmemoran aos antepasados. A importancia deste día reflíctese no conxunto de rituais de preparación da visita ao cemiterio, rituais que son levados a cabo polas familias nas xornadas previas ao día 1 de novembro. Durante a maior parte do século pasado, os preparativos consistían en cortar a herba do camposanto e limpar as sepulturas e os nichos. Sen embargo, por influencia dos emigrantes retornados de países centroeuropeos, cara ao último terzo do século pasado introduciuse a moda de levar ofrendas florais aos cemiterios do rural galego, adquirindo tal auxe que, na actualidade, as plantas e os centros florais constitúen o símbolo máis vistoso do Día de Defuntos.

En pleno século XXI, unha conxunción de factores relacionados co devalo demográfico que caracteriza á inmensa maioría das parroquias rurais, o emprego da poboación activa fóra da parroquia e mesmo do concello e tamén o aumento de persoas católicas non practicantes, provocou que en moitas parroquias decidisen externalizar o traballo de cortar a herba, chegando incluso, nalgúns casos, a cementar o chan do camposanto. Polo tanto, é común que as familias se limiten agora á limpeza dos nichos, das sepulturas, dos floreiros e á colocación das plantas e das flores. Nun principio era habitual que os arranxos florais se realizasen na casa, pero a medida que a moda foi gañando adeptos e o poder adquisitivo aumentou, o ordinario volveuse máis infrecuente e a variedade de flores e cores aumentou extraordinariamente nos cemiterios. Hoxe en día, a práctica totalidade dos defuntos deposítanse en nichos que adoitan compartir o mesmo deseño, polo que o status socioeconómico do defunto non se visibiliza no camposanto como antigamente. Agora, as diferenzas son máis sutís e atópanse no prezo das flores e no formato elixido, xa que o importe varía dunha planta pequena típica do Día de Defuntos, a un centro ou un ramo elaborado especificamente para ese día con flores selectas. Foi a decadencia da práctica relixiosa nas xeracións máis novas a que converteu este día nunha das manifestacións máis destacadas do culto aos defuntos, adoptando como símbolo máis visible as flores.

En Galicia dise que «o cemiterio é o xardín dos mortos». Debido á situación xerada pola pandemia, é probable que este ano eses xardíns sexan dos menos floridos que se recorden nas dúas primeiras décadas do século XXI. Non obstante, como no medio rural o culto aos mortos adoita manterse ao longo de todo o ano a través de diferentes actos, o simbolismo das flores non adquire tanta importancia coma nos entornos urbanos. Con todo, tanto no rural coma nas cidades, o Día de Defuntos do ano 2020 pasará á historia como un acontecemento anómalo no que as restricións de mobilidade dificultarán o reencontro cos familiares e amigos defuntos, especialmente con aqueles que faleceron durante a pandemia e que non puideron ser despedidos co afecto e co respecto que merecían.

(*) Socióloga

Compartir el artículo

stats