Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Asubía o vento nela

As Marías, multicolores, repartían choscadelas de ollo e parolas co estudantado. Estamos no Banco dos Ecoares, Alameda de Compostela. Coincidimos cun grupo feminino que iniciaba na Normal os estudos de maxisterio. Alí ensinaban Pastora e Antonia Ferrín e máis Río Barja, entre outros xoves profesores. As raparigas coas que coincidimos falaban un galego consciente, cousa excepcional naquel tempo de 1956.

Unha delas di ser de Cee e enfatiza a excelencia da lingua da súa terra de Nemancos. “Se unha persoa está moi magra, alí din que asubía o vento nela”.

A que nos explicaba as excelencias do seu galego de Cee era Paz López Facal. Despois, vin o grupo das futuras mestras nas conferencias sobre poesía galega daquel mesmo ano no Mercantil de Compostela. Pasaron os anos e Camilo Nogueira, a quen seguiamos a súa carreira de xogador de baloncesto, entrou a traballar en Citroën como enxeñeiro de fabricación. Ao mesmo tempo, el personábase na iniciativa (1965) da Asociación Cultural de Vigo, na que se concitaba toda a esquerda nacionalista existente na cidade.

Camilo e aquela rapariga do banco da Ferradura namoráronse e casaron. Foron Vivir a Vigo. No ano 1972, el foi despedido da fábrica de Citroën por incitación á folga. Paz, mestra no colexio Rosalía de Castro, solidarizouse coas profesoras escocesas en situación desfavorable e foi despedida coma o seu home.

É así como o matrimonio coñeceu a violencia económica do capitalismo no seu punto máis feble: a disolución do contrato de traballo e na perda do salario. Non está escrito en ningures pero aquel conflito do colexio Rosalía de Castro acelerou o nacemento das novas organizacións de traballadores do ensino de Galicia. Paz López Facal estivo no centro do acontecemento do mesmo modo que Camilo Nogueira estimulou a organización combativa do movemento obreiro contemporáneo na cidade de Vigo.

Acabo de coñecer a noticia da morte da mestra Paz López Facal e a miña memoria insiste en lembrala no tempo en que ela gababa as falas da terra de Nemancos e da súa aldea de Toba. Séxalle a terra leve á vella amiga.

Compartir el artículo

stats