Coñecín a José Luis López Garra hai tantos anos que xa nin me acordo. No Vento, a súa e miña aldea natal, era o “Che”, e na miña casa sempre dicían “falan de millóns como o Che”, referíndose aos comentarios que facía nos momentos máis álxidos da inflación en Arxentina.

Co pasar do tempo, tiven a sorte de estar varias veces con el e coa súa familia en Bos Aires. Sentíame orgulloso. Era un referente no Centro Lalín e no conxunto da colectividade. Radio Mundo achegaba todos os domingos á nosa realidade aos miles de galegos espallados pola República. Era directo nos seus programas. Respectuoso e inclusivo. Sen renunciar aos seus principios morais e políticos, que defendía con firmeza, e sen depreciar ou ofender nunca. Unha xanela de Galicia aberta todas as semanas para a nosa Galicia que se atopa alá.

Acompañoume, como o gran cicerone que era, para abrirme as portas de institucións tan significativas como o Colexio Santiago Apóstol, o Centro Galego, a Federación de Sociedades, o Centro Galicia… e, por suposto, a súa segunda, a veces primeira, casa: o Centro Lalín de Moreno 1949. Aí sufría, traballaba, discutía, axudaba e preocupábase todos os días de persoas, dos seus veciños e amigos, que tiñan nel un aliado firme e comprometido.

Escoiteino moitas veces falar con melancolía e orgullo da nosa Galicia. Sempre estivo presente. Foi presidente, directivo case “vitalicio” da Embaixada do Deza en Bos Aires, pero os cargos non lle facían falta. El era “López Garra” e con iso chegaba.

Lembro a ilusión que transmitía cando un fillo de emigrante se formaba e acadaba un bo posto profesional ou cando un galego sacaba adiante calquera proxecto de referencia. Sentíao como propio, como home bo e xeneroso que foi.

A súa intelixencia natural e intuición resumíase nunha frase que me impactou nun paseo por caminito de La Boca: “Cuando llegué a Buenos Aires había dos formas de trabajar: de pico o de pala. Yo elegí trabajar de pico y no me fue mal”.

Descansa en paz, José Luis.

(*) Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade