Porque non. Non se trata -como propagan os mentores e seareiros de certo (suposto) ecoloxismo naíf, papaleisóns das novas, é un dicir, plataformas para-relixiosas- de que a Pachamama dos Andes, a deusa primixenia Gaia ou os seres máxicos que habitan para alén do ombro de Orión e/ou da Porta de Tannhäuser nos estean a enviar un xemido, un recado..., calquera sorte de advertencia apocalíptica. E tal cousa, simplemente, porque a Natureza non é máis que Natureza: as pandemias, como os tsunamis, os volcáns, os furacáns... (pero tamén un solpor nas Cíes, a harmonía dunha noite de verán sobre as yucas do deserto de Mojave ou o brillo do luar por enriba dos cumes do Atlas) forman parte dela, iso é todo. De feito, tan só a arrogancia ignorante pode descoñecer/esquecer que a historia dos seres humanos devén, en realidade e como Marx ben nos deprendeu, a procura arreo por transformamos a natureza en beneficio propio.Unha transformación, iso tamén, que non significa en ningún caso explotación irracional, depredación dos recursos a calquera prezo, pura e dura creación destrutiva. Ao cabo, e como escribe, da súa parte, o filósofo de ciencia política John Gray, si que o mundo burgués está destruído ou ameaza coa súa ruína. Mais non foron os seguidores de Marx, nin sequera o propio comunismo, quen cometese tal asasinato. En realidade, o culpable do mesmo chámase capitalismo. Máis concretamente, cabe engadir, capitalismo neo-liberal. Ou traducido agora ao que nos ocupa: a pandemia -isto é, a conformación da mesma- non é produto da globalización, pero si que ten moito que ver como se fixo (e continúa a efectuarse) a globalización.
Polo demais, de lermos atentamente a entrevista referida, vén ser o mesmo Gates quen sinala a nula preparación, a egolatría suicida dos países ricos -"aquí non vai chegar ese virus, iso é cousa dos chineses e limítrofes"-, a autocompracencia, a crecente inequidade (a distancia social non se mide en metros senón en miles de euros, dólares..., contemplen Vdes. Madrid ou Nova York), a insolidariedade... como causantes directos da desfeita que nos aflixe. Vertido agora ao noso roman paladino: estarmos en mans dunhas elites delincuentes e criminais, que se adoran a si mesmas e que, en consecuencia, desprezan todo aquilo que soe a colectivo, a res publica, a humanismo.
Desde logo, descoñezo se Gates está ao tanto da realidade española. Pero estou ben certo que, de resultar así, e contemplando a mesquindade, as desputas ruíns, a absoluta falta dunha mínima lealdade entre (suposts) irmáns..., talvez chegase á conclusión de que, como hai cousa de vinte anos, tal semella que só nos reste rezar.