SUSCRÍBETE

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Cabu en Caminha

Fomos a Caminha por comprar prensa internacional, que hai ben dela nalgúns quioscos por ser, aquela, vila cultivada e de moito debate desde a Revolución do 25 de abril. Voltamos cun 'Avante' (órgano do PCP) e co último 'Charlie Hebdo'.

Estaban alá as gamelas máis meridionais da Gallaecia, afeitas a se cruzaren alén da insua coas vellas lanchas poveiras. Caminha e Camposancos gardan a foz do Miño. Velaiquí nomes prerrománicos e prehistóricos. Eles persisten cun segredo gardado en forma de esvástica solar, coma Tomiño, Miñor e outros por aí. E ninguén coñecerá nunca o significado secreto destes nomes que non morren.

Caminha foi de Pedro Madruga e constituíuse en praza pola Excelente Senhora Dona Joana e contra a usurpadora Isabel que será para mal dos galegos quen gañase as guerras intestinas. A vila de Caminha segue lembrando a Joana en moitedume de pertinaces arquiños conopiais que a citan a ela sen facer esplícito o seu no nome. Lemos no 'Charlie Hebdo', e onda o chafariz de Caminha, que París acolle unha grande expo de deseños saídos da man e do cacumen movimentado e radical de quen asinaba como Cabu.

"Le rire de Cabu" é o título da mostra. Para Celestino Fernández de la Vega, Cabu non sería un humorista senón un cómico. Supoño que Valle-Inclán caería na mesma ribeira de Cabu na viaxe ao segredo do humor que o filósofo de Lugo fixo tan valentemente. "Le rire de Cabu" pode verse no Hotel de Ville de París, a carón da Torre que conserva no curuto un Santiago apontando con dedo o Camiño de Compostela, entre o 9 de outubro e o 19 de setembro deste ano do noso padecemento.

A sensibilidade dos educados en Castelao ou nas ambivalencias de 'La Codorniz' non se senten ben con Cabu, coa gargallada rabelesiana, cruel e desatada que suscita el e todo 'Charlie Hebdo'. Ollando a selección de Cabu que fai a revista non podemos deixar de conmovernos porque o debuxante foi asasinado pola bestialidade relixiosa en París, 2015. El nacera, canda min, en 1938. A imaxe ridiculizada do Profeta e o escarnio do patetismo musulmán non poden ser esquecidos por quen olle os chistes recopilados de Cabu, coas súas lexendas. É o intre no cal, frente á imaxe eterna e descomunal da morte do Miño no Océano, xorde unha cuestión: o debuxante ou artista crítico non ten dereito á blasfemia? Esa é a pregunta que se fai este número 1422 do 'Charlie Hebdo'.

Para continuar leyendo, suscríbete al acceso de contenidos web

¿Ya eres suscriptor? Inicia sesión aquí

Y para los que quieren más, nuestras otras opciones de suscripción

Compartir el artículo

stats