Un ano máis, o 10 de outubro conmemoramos o Día Mundial da Saúde Mental, data que as entidades e organismos que traballamos neste eido adoitamos aproveitar para poñer sobre a mesa debates e reivindicacións que nos preocupan. Data que aproveitamos para dar un pouco de visibilidade a unha realidade que, a pesar da súa prevalencia, aínda está moi oculta na nosa sociedade.

Nesta ocasión quero poñer o foco sobre un tema de altísima relevancia do que se fala menos do que se debería. Dende Saúde Mental FEAFES Galicia consideramos que a conducta suicida e os suicidios son un importante problema de saúde publica, e como tal deben ser abordados. En Galicia, redondeando os números, nos últimos anos temos unha media próxima a un suicidio ao día.

Para o noso colectivo, formado por persoas con problemas de saúde mental, familiares e persoas achegadas, a conducta suicida é un problema que enfrontamos con frecuencia. Abordar de fronte o suicidio e iniciar o camiño da prevención pasa por loitar contra toda unha serie de mitos e falsas ideas que queremos sinalar brevemente.

"Os intentos de suicidio son unha chamada de atención". Falso: un intento de suicidio é unha manifestación do sufrimento e desesperación dunha persoa.

"A persoa que quere rematar coa súa vida, non avisa". Falso: a maioría das persoas avisan dalgún xeito ao seu entorno, ás veces con signos de advertencia verbais e outras veces a través da súa conduta.

"As persoas que se suicidan son valentes ou egoístas". Falso: a conducta suicida non é nin covarde, nin valente, nin egoísta, senón que está vinculada a un altísimo grao de sufrimento.

"Os medios de comunicación non deben falar do suicidio para evitar o efecto chamada". Falso: a publicación dunha información responsable e adecuada por parte dos medios é clave para concienciar á poboación e pode axudar á prevención.

"O suicidio non se pode previr". Falso: si se pode, pero para iso é necesaria unha estratexia dotada de medios adecuados. É fundamental a detección temperá e poder dispor dos recursos profesionais e espazos axeitados para a súa abordaxe.

En consecuencia, e á marxe da necesaria posta en marcha de plans asistenciais, mellora e posta ao día de recursos, tamén é imprescindible a colaboración e o traballo en equipo de múltiples disciplinas que poidan, entre todas elas, eliminar ou mitigar os factores de risco asociados á conducta suicida.

A optimización do tratamento dos problemas de saúde mental sería, sen ningunha dúbida, unha ferramenta moi eficaz para diminuír significativamente o número de suicidios.

E para rematar, hai algo que si podemos facer entre todas e todos, algo tan sinxelo como falar. Falar sen medo e sen prexuízos do suicidio podería axudar a que as persoas con pensamentos suicidas perdan o medo a expresarse con liberdade, e este pode ser un primeiro e moi importante paso para buscar axuda.

Mirar para outro lado nunca serviu para resolver un problema. Por iso, aínda que o camiño é longo, debemos comezar a percorrelo. Hoxe e todos os días do ano.

*Presidente de Saúde Mental Feafes Galicia