Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Da África frustrada

Luís López Ávarez, bercián na lembranza, escribiu un libro, destinado a prevalecer, cuxo título é Lumumba ou l'Afrique Frustrée. Trataba de Patrice Lumumba e do fracaso e caos ao que foi conducida a África preta polo imperialismo europeo e mailo aliado estrátexico norteamericano. Nós os hoxe anciáns que fomos, cando mozos, educados pola pluma elegante de Léopold S. Senghor, líder de Senegal, non podemos ceder a idea de Negritude por temor a parecermos suprematistas. Eu sei ben dos intentos asombrosos que fixeron as nacións da África preta, desde o Mau Mau ao NAC de Mandela. Os máis foron seguidos de frustración, como di López Álvarez. A prensa internacional e parte das redes silencian hoxe a África preta pola que circula en espiral eterna o bebedor de viño de palmeira de Amos Tutuola. Cómprense trinta e tres anos do asasinato de Thomas Sankara. Desde Lumumba corre un río de bile escura e sangue no que se mesturan Kattangas separatistas da CIA, golpismos bestiais e silencio internacional programado. Os líderes anti imperio portugués nunca entraron nos esquemas de difusión dos media de Occidente. Silencio mesto sobre Mozambique, Angola, Cabo Verde, Guiné, coma tamén opacidade absoluta verbo dos dous Congo e outros. Estes días, sen embargo, estase a facer levedar a memoria revolucionaria de Thomas Sankara. Á cativa e antiga colonia francesa do Alto Volta, Sankara púxolle un novo nome co fin de lle inxectar un espírito do trinque: Burkina Faso, que significa "Terra das Xentes Honradas". Semella que Sankara, de formación comunista, era lector fervoroso de Saint-Exupéry e aínda lle apuxo á súa Terra o alcume de "Tombeau de l´Imperialisme". En Burkina Faso estaba destinada a morrer a voracidade do capitalismo na súa fase colonial. Aínda sendo país de escasos recursos, Burkina Faso constituía un pésimo exemplo para a África frustrada, e houbo contrarrevolución seguida de crueis asasinatos, entre os que conta a morte e escartelamento do presidente Sankara. Hai quen di que lle comeron o corazón en cru. Intentaban amatar, ao tempo, a memoria dos grandes líderes que citabamos arriba e doutros, coma Kwane Nkrumah, Séku Touré, Agostinho Neto, sen esquencer o espectro do Che en África preta, ou sexa Mulele. So a dirección do presidente Sankara protexeuse a selva, dignificouse a muller, fíxose retroceder as crenzas tradicionais deshumanas, fomentouse o coñecemento científico, floreceron as cooperativas e a cultura nacional-popular explorou formas de vangarda. Estes días Alberto Fernández Campo estános a facer acordantes da figura de Thomas Sankara e dos compañeiros e compañeiras con el asasinados.

Compartir el artículo

stats