Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vigo a través da literatura: George Borrow "Jorgito el inglés"

A Vigo achegáronse moitos escritores, poetas, músicos e emprendedores que deixaron unha relevante pegada. Algúns destes persoeiros son nados na cidade, outros por diferentes circunstancias elixírona como "un lugar para vivir" e desenvolver a súa profesión. Certamente outros estiveron de paso e deixaron tamén as súas vivencias, como é o caso de "Jorgito el inglés".

George Borrow (Dereham 1803 - Oulton 1881), chamado no ambiente madrileño da época "Jorgito el inglés", aventureiro precoz e un superdotado idiomático que dominaba unha trintena de linguas aprendidas a maioría antes dos 30 anos. Viaxou por Francia, Alemaña, Rusia, Marrocos e percorreu a Península Ibérica entre 1836 e 1839, en plena Guerra Carlista, tratando de difundir o Novo Testamento por conta da Sociedade Bíblica Británica e en calidade de correspondente do Morning Herald. Resultado das súas andanzas, naquela altura por España, escribe un libro "La Biblia en España" (1843), traducido e prologado polo que sería presidente da Segunda República Española Manuel Azaña case que 80 anos despois (1921). Publicado por Alianza Editorial, como "Libro de bolsillo" (1970), relata unha emocionante historia de aventuras e cárceres dun inglés ao longo das súas andainas por unha España atrasada e empobrecida.

Borrow, nunca coñecera un país de tan feroces localismos. A súa chegada a Galicia (1837) observa e critica como: "Pontevedra está cabreada con Vigo, Santiago de Compostela con A Coruña; estradas infestadas de bandidos; supersticións, desconfianza e moita miseria", foron algunhas das situacións que Borrow comenta de Galicia en 1837. As súas primeiras impresións foron repugnantes: "A maior parte dos pobos eran un conxunto de miserables chozas, con teitos de adobe, empapadas de humidade e cubertas de vexetación silvestre. Había montóns de esterco diante das portas e abundantes charcos enlodados.." nos pobos que atopa camiño de Lugo.

En Pontevedra Borrow coñece a un notario de apelido García, que demostra unha gran fobia cara a veciña cidade de Vigo: "Le digo a usted, amigo, que me importaría muy poco que ardiese Vigo con cuantos mentecatos y bribones encierra ¿Se le ocurriria a usted jamás comparar Vigo con Pontevedra?", díxolle o tal García a Borrow. Detrás desta xenreira atopábase o conflito da capitalidade provincial que naquela altura recaía na cidade do Lérez.

Cando Borrow chega a Vigo, un día pola noite, atópase nunha cidade vital, cuxas rúas estaban abarrotadas e todo era bulicio e festa. Hospédase na praza da Constitución e describe con admiración a ría: "Ben poden os pontevedreses envexar aos de Vigo a súa baía, coa que en moitas calidades, non pode compararse ningunha outra no mundo", escribe.

"Jorgito el inglés", que non tivo moito éxito vendendo Novos Testamentos en Vigo, si demostrou coñecer ben as pasaxes máis importantes da historia da cidade. Por certo, foi tomado por espía cando subía ao monte do Castro para contemplar a ría desde unha perspectiva privilexiada.

*Psiquiatra e Psicanalista. Membro da Asociación Cultural Pertenza

Compartir el artículo

stats